Inicio Áreas Cultura Novas O Festival de Contidos Dixitais...

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021

O concelleiro Xosé Regueira asistiu hoxe á entrega do galardón, que tivo lugar dentro da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense

Xoves 14 de outubro do 2021

Maite Parga e Xosé Regueira

Maite Parga e Xosé Regueira

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay foi galardoado co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021 xunto co Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e o proxecto patrimoniogalego.net, que leva máis de dez anos recompilando o patrimonio da nosa comunidade e conta xa con máis de 12.000 bens inventariados.

O xurado, integrado por representantes da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, distingue o Carballo Interplay polo seu carácter pioneiro, xa que foi o primeiro festival de webseries do Estado. Ao longo das oito edicións celebradas tense consolidado como un dos festivais de contidos dixitais de referencia internacional, sempre atento ás novas linguaxes. Os seus contidos, como subliña a organización do Premio Rodolfo Prada, “van máis aló da ficción seriada e buscan explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor más transgresor, a non ficción, a cultura dixital, o patrimonio audiovisual dixital ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base”.

Así mesmo, o xurado decidiu conceder un Premio Especial ao creador ourensán Alfredo Iglesias, editor da coñecida revista "Coralia", recentemente falecido.

O premio Rodolfo Prada está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que desenvolvan iniciativas culturais vinculadas a Galicia e toma o seu nome do galeguista Rodolfo Prada, unha figura histórica da emigración galega en Bos Aires, onde chegou a ser o gran valedor de Castelao. Este premio realza ese compromiso que tivo Rodolfo Prada con Galicia desde a emigración, e recoñece o labor creativo que se desenvolve en Galicia nas artes, o audiovisual, as letras, a etnografía, a música ou o patrimonio, entre outras actividades.

O galardón está dotado cunha aportación da Deputación de Ourense de 3.000, 2.000 ou 1.000 euros para os proxectos gañadores. Asemade, todos os premios van acompañados nas tres modalidades dunha escultura conmemorativa do escultor ourensán Manuel Buciños e un diploma acreditativo.

O acto de entrega dos Premios Rodolfo Prada tivo lugar esta tarde, no Centro Cultural Marcos Varcarcel de Ourense dentro da programación da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense - ICC Week 2021. O Concello de Carballo estivo representado no acto polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, e a técnica de Turismo, Maite Parga.

Compartir: