Inicio Áreas Cultura Novas Touriñán, Yllana,...

AMPLIAMOS AFOROS!

Touriñán, Yllana, Contraproducións, Chévere e Luis Piedrahita enchen Carballo de actividade escénica durante a ponte

As parroquias de Cances e Berdillo acollerán, por primeira vez, programación do FIOT, que esta fin de semana tamén inaugura a V edición do Certame de Micro teatro Metro Cadrado

Xoves 7 de outubro do 2021

Touriñán actúa o día 8 no Mercado Municipal

Touriñán actúa o día 8 no Mercado Municipal

O Festival Internacional Outono de Teatro propón desde hoxe, e até a festividade do vindeiro martes 12 de outubro, unha completa programación de actividade escénica que sitúa a localidade de Carballo no epicentro da actividade cultural esta fin de semana. Xosé A. Touriñán, Paula Carballeira, Chévere, Luis Piedrahita, Pallasos en Rebeldía, Yllana, Contraproducións, Marta Valverde, La gata japonesa, Arroutadas e David Rodas propoñen unha chea de espectáculos de diversas disciplinas, coa intención de achegar o feito teatral a todos os públicos por toda a comarca, incluíndo tamen funcións nos centros sociais das parroquias de Cances e Berdillo. A programación, ademais, complétase coa posibilidade de visitar a exposición, recentemente inaugurada, Zoom FIOT 2019, que se pode ver no Pazo da Cultura de Carballo, novas funcións dos espectáculos O espello que arde e A lúa, válvula de spray, no marco do FIOT Fónico, e a entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 a Silda Alfaro, nun acto que terá lugar o sábado 9.

Na xornada do sábado 9 comezará a V edición do Certame Metro Cadrado, con funcións de DES-abonar, de Arroutadas, no Horto Urbano (rúa Nardos) e de A/o pesar do tempo, de David Rodas González, na Ponte de San Martiño. Son pezas creadas especificamente para desenvolver nestes puntos do espazo público de Carballo, abertas á cidadanía e que se poderán ver, nos dous casos, ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas. Para asistir, recoméndase realizar unha reserva previa a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com.

E tamén este sábado 9 arrancará unha das principiais novidades desta 30ª edición, como é o FIOT en Ruta, o programa que expande e descentraliza actividade escénica pola comarca da man de grandes compañías do teatro galego. Así, Berrobambán, con A carreta pantasma, e Chévere, con As fillas bravas e o mito de Casandra, actuarán nos centros sociais das parroquias de Cances e Berdillo os días 9 e 12 de outubro, respectivamente.

Pola noite será a quenda dun dos momentos máis agardados desta 30ª edición: a entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 á actriz e directora Casilda García Alfaro. O galardón, outorgado por  profesionais das artes escénicas premiados de anteriores edicións, salienta a traxectoria de Silda Alfaro  como intérprete, así como o seu compromiso empresarial e noutros ámbitos da escena, como é o seu papel na organización da Mostra de Cangas ou mesmo na Revista Galega de Teatro.  O acto terá lugar antes do inicio da función de Cigarreiras, a nova creación de Contraproducións na que Cándido Pazó realiza unha relectura do drama individual e colectivo escrito por Emilia Pardo Bazán na súa novela La Tribuna. Unha gran produción, con sete actrices en escena, na que FIOT colaborou co seu desenvolvemento, no marco do seu compromiso coa estrutura teatral galega, e que, á vez, reivindica publicamente a figura dunha escritora de capital relevancia do devir do feminismo e da literatura.

Yllana ofrecerá un dos espectáculos máis agardados

Yllana ofrecerá un dos espectáculos máis agardados

Ao día seguinte, o domingo 10, chegará outro dos pratos fortes desta edición: o espectáculo Greenpiss, de Yllana, compañía de teatro xestual gañadora en dúas ocasións do Premio Max ao Mellor espectáculo e catro Premios do Público do FIOT. Nesta ocasión, Yllana presenta unha divertida sátira sobre a ecoloxía e o futuro da humanidade, con enfrontamentos entre multinacionais e activistas medioambientais, e na que catro actores darán vida a galiñas, políticos, pingüíns ou árbores, unha creativa receita ateigada de humor ácido e sen barreiras.

Máis entradas á venda

A partir das 10.00 horas deste venres 8, e ante o cambio de normativa autonómica que permite a ampliación da capacidade dos recintos culturais, o FIOT terá ocasión de sacar á venda novas entradas para algúns dos espectáculos máis demandados deste FIOT30, como son Aquí tou, de Touriñán; Cigarreiras, de Contraproducións;  Greenpiss, de Yllana, Es mi palabra contra la mía, de Luis Piedrahita; e Andanzas y entremeses de Juan Rana, de Ron Lalá e a Compañía Nacional de Teatro Clásico. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do FIOT, www.fiot.gal, ou da plataforma dixital www.ataquilla.com

AXENDA FIOT DO 7 AO 12 DE OUTUBRO

07.10.2021 | 21.00 horas
Pazo da Cultura
OTNI | Marta Valverde: 30’70 60’120 (wip)

08.10.2021 | 19.00 e 20.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

08.10.2021 | 20.00 horas 
Praza do Concello
Teatro de Rúa | La gata japonesa: Los viajes de Bowa

08.10.2021 | 22.30 horas
Mercado municipal
Rúa dos Contos | Noites de troula con Xosé A. Touriñán: Aquí tou

09.10.2021 | 12.30, 13.30, 18.00, 19.00 horas
Horto Urbano (rúa Nardos)
Certame Metro Cadrado | Arroutadas: DES-abonar

09.10.2021 | 12.30, 13.30, 18.00, 19.00 horas
Ponte do San Martiño
Certame Metro Cadrado | David Rodas González: A/O pesar do tempo

09.10.2021 | 19.00 e 20.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

09.10.2021 | 19.00 horas
Centro Social de Cances
FIOT en Ruta | Berrobambán: A carreta pantasma

09.10.2021 | 20.30 horas
Pazo da Cultura
Entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 a Silda Alfaro

09.10.2021 | 20.30 horas
Pazo da Cultura
Programa de Sala | Contraproducións, Histrion Teatro, Teatre Romea, Encaro Factory: Cigarreiras

10.10.2021 | 13.00 e 19.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

10.10.2021 | 20.30 horas
Pazo da Cultura
Programa de Sala | Yllana: Greenpiss

11.10.2021 | 21.00 horas
Mercado municipal
Rúa dos Contos | Pallasos en Rebeldía: Foot (ESTREA ABSOLUTA)

12.10.2021 | 13.00 e 19.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

12.10.2021 | 19.00 horas
Centro Social de Berdillo
FIOT en Ruta | Grupo Chévere: As fillas bravas e o mito de Casandra

12.10.2021 | 22.30 horas
Mercado municipal
Rúa dos Contos | Noites de troula con Luis Piedrahita: Es mi palabra contra la mía

Todas as fins de semana | A calquera hora
Fórum Carballo
OTNI | FIOT Fónico: A lúa, válvula de spray

Compartir: