Inicio Áreas Deporte Novas As Escolas Luis Calvo redobran a aposta...

As Escolas Luis Calvo redobran a aposta pola tecnificación a través dun novo proxecto coa Escola Donato

A iniciativa arrincará este mércores 29 cunha xornada de portas abertas e a partir do 4 de outubro desenvolverase o curso con sesións diarias de luns a xoves

Luns 27 de setembro do 2021

As Escolas Luis Calvo Sanz e o Bergantiños dan un paso máis cara o obxectivo permanente de mellora deportiva dos nenos e nenas que forman parte do club. A través dun acordo de colaboración coa Escola Donato, presentado hoxe, no mes de outubro arrincará unha nova escola de tecnificación que chega coa intención non só de permanecer, senón de estenderse tanto a outros clubs da contorna coma ao ámbito educativo.

Este mércores 29 celebrarase unha xornada de portas abertas, e o 4 de outubro xa comezará o curso, con sesións diarias de luns a xoves. Donato Gama e Javier García, representantes da Escola Donato, estiveron hoxe en Carballo para dar a coñecer o seu proxecto, nun acto no que tamén participaron David Iglesias e Luciano Calvo, en representación das Escolas Luis Calvo Sanz; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

“Para nós –dixo Donato- é un pracer formar parte do proxecto a través da Escola Donato, un traballo polo que vimos apostando moito e que cremos que agora mesmo é o mellor para as Escolas Luis Calvo Sanz, pero tamén para os colexios. Estamos moi contentos de ter esta oportunidade en Carballo”.

O seu socio engadiu que “nós xa coñeciamos o bo traballo que estaban facendo as Escolas Luis Calvo e decidimos aportar un valor máis: mediante a tecnificación individual dos nenos, aportar unha mellora individual, que é o que se intenta nesta formación base”.

Arrinca así unha “nova etapa”, como a definiu Luciano Calvo. O presidente do Bergantiños recoñeceu que a elevadísima afluencia de nenos e nenas dificultaba a tecnificación, algo que a partir de agora non pasará. Nese sentido, agradeceu á Escola Donato “a colaboración, que agardamos que teña un futuro moi longo e que os obxectivos se vexan a través dos nenos e nenas”.

Do mesmo xeito que Luciano Calvo destacou a importancia cada vez maior do fútbol feminino, “que para nós é un orgullo”, o concelleiro de Deporte subliñou “a aposta pola formación dende a base, que debe ser a folla de ruta do club, como o está a ser nestes anos”. Nese sentido, engadiu que dende o Concello faise unha valoración moi positiva, “porque o Bergantiños e as Escolas Luis Calvo son referentes do fútbol base dende hai tempo, e isto é un paso máis para mellorar esa formación, e seguro que no futuro dará os seus froitos”.

O alcalde pechou o acto felicitando “ás dúas partes” implicadas no proxecto e destacou o auxe do fútbol no noso concello. “Antes da pandemia, o Bergantiños contaba con 510 licenzas federativas, un número extraordinario dentro do deporte en Galicia. E o paso seguinte debe ser a formación, e que esa aprendizaxe sexa impartida por grandes formadores”.

Compartir: