Inicio Áreas Deporte Novas As axudas destinadas a financiar a...

As axudas destinadas a financiar a actividade xeral das entidades deportivas incrementáronse un 15% en dous anos

As subvencións convocadas pola Concellaría de Deporte tratan de dar resposta ás necesidades derivadas da crise da COVID-19

Xoves 23 de setembro do 2021

Tres das entidades beneficiarias das axudas desenvolven actividades nas piscinas

Tres das entidades beneficiarias das axudas desenvolven actividades nas piscinas

O goberno municipal vén de aprobar as subvencións anuais destinadas a apoiar a actividade que desenvolven as entidades deportivas do noso concello. O Concello de Carballo convoca cada ano tres liñas de axuda que contribúen, por unha banda, ao financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España; por outra, á organización de eventos deportivos e actividades extraordinarias, e, finalmente, ao financiamento dos proxectos de actividade xeral das entidades. Esta terceira liña supón o groso das subvencións, pero este ano aínda máis, xa que a partida destinada a esta finalidade segue incrementándose ata acadar os 105.737,71 euros, un 14,93% máis que no 2019.

Dende a Concellaría de Deporte preténdese dar resposta ás necesidades do movemento asociativo derivadas da crise da COVID-19. Para o goberno municipal de Carballo, o asociacionismo deportivo é un piar básico para acadar un sistema deportivo máis participativo, amplo e diversificado, e nuns momentos de especiais dificultades para o desenvolvemento da actividade cómpre reforzar, na medida do posible, o apoio institucional.

Este ano financiaremos 16 proxectos doutras tantas entidades deportivas:

  1. Agrupación Deportiva Fogar. Equipos federados de natación, triatlón e atletismo: 10.804,35 € 
  2. Asociación Deportiva Xiria. Promoción do voleibol e desenvolvemento das diversas competicións: 6.775,84 €
  3. Club Baloncesto Artai. Actividade xeral durante o ano 2021: 6.263,39 €
  4. Club Ciclista Carballo. Escolas de Ciclismo: 3.444,86 € 
  5. Club Ciclista Monteneme. Competición oficial federada de ciclismo: 1.126,60 € 
  6. Club de Xadrez O Toque Xiria. Actividade xeral federada do club: 2.261,33 €
  7. Escola Basket Xiria. Promoción do baloncesto e competición federada:16.132,30 € 
  8. Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns: Hóckey a patíns e patinaxe artística: 7.568,94 € 
  9. Escolas Balonmán Xiria. Promoción do balonmán:19.497,85 € 
  10. Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz: Fomento do deporte de base no Concello de Carballo: 9.970,59 € 
  11. Judo Club Bergantiños: Judo federado 2021 e circuíto Copas de España: 2.785,99 € 
  12. Karate-Do Carballo. Actividade xeral e adquisición de material deportivo: 1.567,89 €
  13. Salvamento y Socorrismo Carballo. Salvamento deportivo: 7.455,06 €
  14. S.D. San Lorenzo de Berdillo. Actividade deportiva ano 2021: 1.500,00 €
  15. Sociedade Deportiva Sofán. Actividade deportiva 2021: 8.282,72 €
  16. Virgentis Salvamento Bergantiños. Salvamento e socorrismo Virsal 2021: 300,00 € 

Ademais das subvencións destinadas á actividade xeral das entidades, o Concello de Carballo destina outros 3.750 euros ao financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España. Deste xeito, a Agrupación Deportiva Fogar recibirá 375 euros polos Campionatos de España de Natación e outros 375 polos Campionatos de España de Triatlón, mentres que as Escolas de Balonmán Xiria terán dúas axudas de 1.500 euros: unha para o Campionato de España Infantil Masculino e outro para o Estatal Xuvenil Masculino.

En canto á terceira liña de subvencións, este ano aprobáronse 4.512,29 euros para apoiar a organización dos seguintes eventos e actividades deportivas extraordinarias: V Nada e Corre Concello de Carballo, organizado pola Agrupación Deportiva Fogar, con 840 euros; XVII Marcha Costa da Morte, do Club Ciclista Monteneme, 1.500 euros; o Campionato do Nadal do Judo Club Bergantiños, 1.192,29 euros, e o Memorial Carlos Servando do club Sysca, 980 euros.

En total, 114.000 euros destinados a apoiar a actividade que desenvolven clubs e asociacións ao longo do ano. Ás tres liñas de axuda que veñen de ser resoltas hai que engadir as subvencións nominativas e as correspondentes ao uso das instalacións deportivas municipais, cuantificado nun valor económico próximo ao medio millón de euros, que son bonificados ao 100% polo Concello de Carballo.

Compartir: