Inicio Áreas Deporte Novas A III Challenge Júnior Carballo...

A III Challenge Júnior Carballo reunirá esta fin de semana a ciclistas de todo o noroeste español e Portugal

A proba, organizada polo Club Ciclista Carballo, consta de tres etapas deseñadas tamén para poñer en valor a riqueza paisaxística do noso concello

Mércores 25 de agosto do 2021

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Vanesa Loureiro e José Manuel Abal

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Vanesa Loureiro e José Manuel Abal

Despois dun ano de ausencia obrigada, a Challenge Júnior regresa a Carballo para seguir promocionando ás promesas do ciclismo. Nesta terceira edición, que se celebrará o sábado 28 e o domingo 29, xa está confirmada a participación de 18 equipos do noroeste español e Portugal, segundo avanzou a presidenta do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Vanesa Loureiro, no acto de presentación da proba. Con ela estiveron José Manuel Abal, en representación da Federación Galega de Ciclismo; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

A III Challenge Júnior Carballo constará de tres etapas:

  1. Razo-Monte Neme, unha contra-reloxo individual de 3,15 quilómetros que arrincará o sábado ás 11.00 horas.
  2. Avenida da Milagrosa-Avenida da Milagrosa: 90 quilómetros de percorrido polas parroquias do interior do municipio de Carballo e parte do de Coristanco, tamén o sábado ás 17.00 horas.
  3. Piscina Carballo Calero-Pedra do Sal: 76,4 quilómetros por un completo itinerario polo litoral carballés e zonas de Malpica, con saída o domingo ás 10.00 horas.

“Con estes percorridos, dende a organización quixemos resaltar todas as paisaxes do noso concello, costa e interior”, apuntou Vanesa Loureiro. De feito, un dos valores engadidos da Challenge Júnior é “o retorno económico” que ten no noso concello. Entre deportistas e persoal técnico, esta fin de semana aloxaranse en Carballo arredor de 130 persoas, ás que se sumarán os familiares que acompañarán aos deportistas.

Os 18 equipos confirmados, procedentes de Galicia, Cantabria, Asturias, Castela-León e Castela-A Mancha, así coma de Portugal, desprazarán ao noso concello a uns 90 corredores/as. “Veñen equipos de gran nivel, algúns deles veñen de participar na única proba da Unión Ciclista Internacional que se celebra en España”, subliñou a presidenta do Club Ciclista Carballo.

A cifra de participantes podería aumentar, xa que o prazo de inscrición continúa aberto.

Agradecementos

A presentación da proba estivo repleta de agradecementos mutuos entre organizadores e colaboradores, pero tanto uns coma outros destacaron sobre todo a importancia de promover o deporte de base e, ao mesmo tempo, de converter o deporte nun elemento máis de desenvolvemento turístico _e polo tanto económico_ do territorio. Vanesa Loureiro agradeceu a colaboración da Federación Galega de Ciclismo e do Concello de Carballo, así coma a do voluntariado, da Agrupación da Garda Civil de Tráfico e das policías locais e agrupacións de Protección Civil dos tres concellos polos que discorre a proba. “Serán arredor de 100 persoas, algunas das cales colabora todo o fin de semana. Sen elas, un evento desta magnitude non sería posible”, asegurou.

Na mesma liña, José Manuel Abal destacou o apoio do Concello e o esforzo do Club Ciclista Carballo, “porque é moi difícil sacar adiante unha proba deste tipo, especialmente en plena pandemia”, sinalou.

Pola súa banda, Evencio Ferrero cualificou ao Club Ciclista Carballo como “un exemplo de compromiso, capacidade de organización”, manifestou o seu desexo de que o regreso da Challenge Júnior sexa un indicador do regreso á normalidade e destacou especialmente a oportunidade que supón a proba para “os novos valores do ciclismo”.

A Challenge Júnior Carballo é a única proba do calendario galego que se disputa en estrada, unha circunstancia que a fai especialmente atractiva para as categorías ás que vai dirixida (júnior de 17 e 18 anos, féminas júnior, sub-23 e elite). A celebración da carreira provocará cortes de tráfico breves e puntuais polas zonas polas que pasa. Dende a organización agradécese a colaboración de condutores/as e público.

Ligazóns

Compartir: