Inicio Áreas Cultura Novas Esgotadas en menos de cinco horas as...

Esgotadas en menos de cinco horas as 170 entradas para o concerto de Baiuca

Se a situación sanitaria permite ampliar o aforo, o 4 de agosto abriríase unha segunda quenda de reservas

Xoves 29 de xullo do 2021

Tal como estaba previsto, pouco despois das 09:00 horas do venres 30 de xullo comezaron as reservas para o concerto de Baiuca, programado para o 6 de agosto dentro do Verán Cultural. Ás 14:00 horas xa non quedaba dispoñible ningunha das 170 entradas, polo que quedou pechado o evento na plataforma ataquilla.com. Se a situación sanitaria permite ampliar o aforo, o 4 de agosto abriríase unha segunda quenda de reserva de entradas.

As entradas non serán numeradas, polo que o público irá ocupando os asentos por orde de chegada. As persoas asistentes deberán facilitar os seus datos, en cumprimento das medidas de prevención da COVID-19. É obrigatorio o uso de máscara, e está prohibido comer, beber e fumar no recinto. Os menores deberán estar acompañados por unha persoa adulta.

O concerto celebrarase o 6 de agosto, ás 22:00 horas, no aparcamento do Pazo da Cultura. O acceso ao recinto poderá realizarse dende as 21:30 horas.

Percusión, muiñeiras, cantares tradicionais e sintetizador. Todo isto e máis é Baiuca. Unha mistura perfecta entre o folk e a música electrónica, que evoca directamente á cultura máis ancestral de Galicia, coa inspiración da poesía de Curros Enríquez ou Amado Carballo e as coplas do Cancioneiro Popular Gallego.

Baiuca presentará en Carballo o seu segundo traballo, Embruxo, que conta coa colaboración do percusionista Xosé Lois Romero, acompañado das pandereiteiras e cantareiras Lilaina, e de magníficas colaboracións como a do artista Rodrigo Cuevas ou o frautista-gaiteiro Cristian Silva.

Neste disco están presentes seres místicos ou elementos da natureza como as lavandeiras, as meigas, o diaño, a lúa, o carballo, as herbas de San Xoán... imaxes que son parte do imaxinario visual creado polo videoartista Adrián Canoura para Embruxo.

Compartir: