Inicio Áreas Deporte Novas A Federación Española de...

A Federación Española de Salvamento recoñece a aposta do Concello de Carballo polo deporte

A primeira xornada do Campionato de España de Salvamento e Socorrismo incluíu un simulacro de rescate coa intervención do “Helimer”

Xoves 22 de xullo do 2021

Evencio Ferrero e Jesús Troyano, en Razo

Evencio Ferrero e Jesús Troyano, en Razo

O vicepresidente da Federación Española de Salvamento, Jesús Troyano, entregou este xoves ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, un trofeo de recoñecemento ao apoio do noso Concello ao deporte en xeral e ao salvamento en particular. O acto tivo lugar coincidindo coa xornada inaugural do Campionato de España de Verán de Salvamento e Socorrismo na categoría absoluta, que se disputa entre o xoves 22 e o venres 23 en Razo.

Simulacro de rescate

Simulacro de rescate

Ademais de asistir como espectador ao inicio das probas, a estancia de Evencio Ferrero na praia coincidiu co simulacro de salvamento realizado polo helicóptero de rescate “Helimer”, que achegou aínda máis interese á competición estatal. O noso concello está representado polo club Sysca, que vén de colleitar moi bos resultados nas categorías infantil e cadete, e, sobre todo, na xuvenil, na que o club carballés proclamouse campión de España na categoría masculina e acadou o terceiro posto na conxunta xuvenil. Moitos parabéns!

Ambiente na praia

Ambiente na praia

O campionato de salvamento e socorrismo reúne en Razo a 262 deportistas (114 mulleres e 148 homes) de 33 clubs de toda España. Este é o programa da xornada do venres:

  • Eliminatorias e finais
  • Bandeiras
  • Carreira con táboa de salvamento
  • Oceanwoman / oceanman
  • Relevo ocean  
  • Relevo ocean mixto

Compartir: