Inicio Áreas Deporte Novas Razo recuperará este 25 de...

Razo recuperará este 25 de xullo, se o tempo o permite, o Torneo Fundación Luis Calvo Sanz de volei praia

A situación sanitaria obriga a reducir o número de categorías e de participantes, así como a suprimir a tradicional paella

Xoves 22 de xullo do 2021

Despois dun ano de ausencia, a ADC Volei Praia Costa da Morte quere recuperar o Torneo Fundación Luis Calvo Sanz, un clásico do verán que nos últimos anos viña batendo marcas de participación e de público. Pero a edición número 13 resístese: en primeiro lugar, pola pandemia, que xa impediu celebrala o ano pasado e neste 2021 obriga a modificar as normas de participación, e, en segundo lugar, polo tempo, que neste mes de xullo parece de todo menos estival.

Malia todos os obstáculos, este ano haberá torneo. Presentárono hoxe o presidente da ADC Volei Praia Costa da Morte, Rosalino Mariño, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, nun acto ao que asistiron tamén o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e os monitores do club impulsor do deporte do volei.

O Torneo Fundación Luis Calvo Sanz está programado para este 25 de xullo. “O ano pasado non se puido facer debido á COVID-19, pero este ano, aínda con limitacións, vaise levar a cabo”, asegurou Rosalino Mariño. “Hai moita xente que o demanda, e ademais é un torneo que lle dá prestixio a Carballo”, engadiu.

As limitacións ás que aludiu teñen que ver co número de participantes, que se reduce, así coma o de categorías. Nesta ocasión serán: sénior masculina e feminina, sub-17 masculina e feminina e súper 80 masculina e mixta. O prazo de inscrición está aberto ata o venres 23, incluído. As persoas interesadas só teñen que cubrir este formulario.

Tamén haberá categoría supermini, pero neste caso as inscricións poderán realizarse o mesmo día do torneo, ata as 12:00 horas, na propia praia.

Rosalino Mariño lamentou que, por mor da situación sanitaria, non poida ofrecerse ás persoas participantes a tradicional paella. E indicou ademais que no caso de que a choiva impida celebrar o torneo este domingo, fixarase unha nova data para o mes de agosto. Durante estes dous meses seguirán a disposición de todas as persoas afeccionadas as tres pistas de volei praia situadas na zona da explanada de Razo, tanto por libre coma nas escolas que organiza o Concello de Carballo coa colaboración da ADC Volei Praia Costa da Morte.

O alcalde de Carballo lembrou a súa vinculación ao voleibol, así como o papel que xogou este deporte no nacemento da agrupación Xiria. Evencio Ferrero destacou o auxe do volei praia en Razo e o “enorme potencial” que teñen as nosas praias para a práctica deportiva.

Compartir: