Inicio Áreas Cultura Novas O Carballo Interplay recupera...

O Carballo Interplay recupera "Día PRO" con Portugal como país convidado

As persoas e entidades que queiran participar na xornada profesional, que terá lugar o venres 10 de setembro, poden inscribirse de xeito gratuíto en carballointerplay.com

Xoves 15 de xullo do 2021

O Carballo Interplay, que celebrará a súa oitava edición do 8 ao 11 de setembro, recupera programación profesional con Portugal como país convidado. Nesta edición de tránsito á normalidade, o Festival de Contidos Dixitais quere abrir espazos de diálogo e fomentar alianzas entre creadoras/es, produtoras e plataformas de Portugal, de Galicia e de España co obxectivo de favorecer a creación de proxectos conxuntos. O Día PRO do Interplay 2021 será o venres 10 de setembro no Pazo da Cultura de Carballo e as persoas interesadas poden solicitar xa a súa acreditación gratuíta neste formulario, antes do 31 de agosto.

O Carballo Interplay recupera a súa programación profesional, cunha xornada dividida en dúas partes: dende as 10h ata as 16h30 haberá presentacións e debates e, a partir desa hora, establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas de Galicia, de España e de Portugal contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.

Abrirán as conversas Alberto Fernández, director de contidos dixitais de RTVE; Raquel García Trigueros, directora de contidos e marketing en Freeda España, e Clara Amechazurra Falagán, directora de contidos en Freeda España; e mais un dos responsables de Canal 180 falando de como as audiencias máis novas piden consumen cada vez máis contidos divulgativos, arredor da cultura, da política, da saúde mental ou de problemas sociais e ambientais. As responsables de Freeda, un medio de comunicación dixital que se dirixe ao público feminino e conta en España cunha comunidade de 3 millóns de seguidores en redes sociais; de Canal 180 unha canle de televisión que que leva 10 anos dedicada integramente á cultura, ás artes e á creatividade e que acaba de reinventarse cunha importante colaboración coa plataforma internacional de arte dixital The Wrong; e de Playz, a aposta de RTVE polos contidos dixitais, tentarán dar resposta a cales son as tendencias neste tipo de formatos, se hai espazo para os discursos menos convencionais ou cales son as claves á hora de producilos e distribuílos no panel O xiro cara o contido de actualidade. Debate e conciencia social.

De seguido, Rogério Gomes, xestor de proxecto en RTP Lab, e José Pereira, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, falarán sobre as estratexias dixitais dos medios públicos galegos e portugueses á hora de facer uso da tecnoloxía e de sumarse ás tendencias mundiais para mellorar a experiencia das usuarias durante o consumo de información, entretemento e contidos. Darán resposta a preguntas como se é posible o nacemento de novos espazos para integrar o traballo de novos creadores e creadoras, no panel Contidos dixitais e innovación. Onde poñen o foco as canles públicas?

A última hora da mañá, distintas produtoras e creadores de contidos dixitais de Portugal convidados ao Carballo Interplay coa colaboración do Clúster Audiovisual de Galicia presentarán as súas apostas de presente e futuro. Serán Promenade, Galo Bravo, PiXbee, MT 360 / ManyTakes, Wonder Maria Films, Ankylosaur e Todos.

E, a primeira hora da tarde, a directora de política audiovisual da AGADIC, Dolores Meijomín, explicará ás persoas participantes no Día Pro do Carballo Interplay como, este 2021, por primeira vez na súa historia, a Axencia Galega das Industrias Culturais inclúe no seu programa anual de subvencións unha liña de axuda a proxectos de webserie en versión orixinal galega.

Finalmente, ás 16h30, comezará o Encontro PRO no que as e os creadores do país poderán presentar os seus proxectos a produtoras e distribuidoras galegas, españolas e portuguesas como RTP Lab, CRTVG, Playz (RTVE), Freeda,  Gaita Filmes, Abano Producións, Miramemira, Maruxiña Film Company, Cósmica Producións, Portocabo, VOZ Audiovisual, Promenade, Galo Bravo, PiXbee, MT 360 / ManyTakes, Wonder Maria Films, Ankylosaur ou Todos. As persoas interesadas en participar neste espazo de encontro poden facelo de xeito gratuíto a través deste formulario, antes do 16 de agosto.

O obxectivo do Interplay con este "mercado" é fomentar a conexión entre creadores e creadoras e produtoras abrindo espazos de diálogo onde poder coñecernos de maneira distendida e construír futuras alianzas ou ver nacer novos proxectos. Neste encontro participarán produtoras galegas e portuguesas e tamén creadores e creadoras que teñan algún proxecto e estean na procura de feedback ou de produción.

Compartir: