Inicio Áreas Cultura Novas Maxia, circo, danza, cine e moita...

Maxia, circo, danza, cine e moita música para gozar dun "Verán Cultural" para todos os públicos

Despois das proxeccións de cine previstas para os días 9 e 15, o 16 teremos en Carballo a Xacarandaina

Xoves 8 de xullo do 2021

Tiñamos que presentar o Verán Cultural para que o sol asomase, por fin, ao ceo carballés. Coincidindo co mercado semanal na Praza do Concello e coa gravación do programa “Planeta Calleja” en Razo, onde tamén estrearemos mañá “A praia dos libros”, o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero, deron a coñecer este xoves un cartel que inclúe maxia, circo, danza, cine e moitísima música para que o público de calquera idade poida atopar propostas á súa medida e para que Carballo siga sendo un referente cultural en Galicia.

Cunha traxectoria de máis de vinte anos, o Verán Cultural achéganos “un programa diverso e de calidade, para todas as idades, para xente de aquí e para todas as persoas que se achegan ao noso concello nestas datas, e tamén para dar a coñecer propostas artísticas locais e galegas”, como destacou Marcos Trigo. Todos os espectáculos serán de acceso gratuíto, con aforo limitado e as medidas sanitarias preceptivas, e ademais con distintos escenarios.

“Sempre alegra ver que pouco a pouco se vai recuperando a actividade, con todas as prudencias e medidas aconselladas en cada momento. Esperemos que a partir de agora entremos de cheo no verán e que se poida desfrutar de todos os espectáculos ao aire libre que se levarán a cabo”, desexou o alcalde.

O PROGRAMA, DÍA A DÍA

9 de xullo
CINE: "A GALIÑA TURULECA"
Rúa Jacinto Amigo/ 22.00 h
79 minutos/Todos os públicos
A galiña Turuleca é unha galiña singular. O seu peculiar aspecto provoca as burlas do resto do galiñeiro. Un día, Isabel, unha ex-profesora de música, lévaa a vivir á súa granxa e todo cambia para Turuleca, xa que descobre o seu verdadeiro talento: cantar.
Gañadora do Premio Goya 2020 á Mellor película de animación.
Entrada libre ata completar aforo.

15 de xullo
CINE: "A ILLA DAS MENTIRAS"
Praia de Razo/ 22.00h
93 minutos/Maiores de 12 anos
Xaneiro de 1921. O buque Santa Isabel, con destino Bos Aires, e con 260 pasaxeiros a bordo, afúndese en fronte á escarpada e dura costa da Illa de Sálvora. Esta é a historia do que verdadeiramente sucedeu no rescate de 50 persoas a mans de habitantes da illa, de como cambiou as súas vidas.
Entrada libre ata completar aforo.

16 de xullo
MÚSICA: XACARANDAINA
R/Jacinto Amigo, 20.30 h

O Concello de Carballo colabora co programa Danza 3, incluído no Xacobeo e promovido por AGADIC en colaboración coa Federación XOC de agrupacións de danza e música tradicional.
Entrada libre ata completar aforo.

22 de xullo
MÚSICA: BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE BRIÓN
R/Jacinto Amigo, 20.30 h 
Dentro do programa de promocíón do Xacobeo, o Concello de Carballo tamén colabora coa iniciativa O país das bandas, en colaboración co Federación Galega de Bandas de Músicas Populares, co concerto da Banda Municipal de Música de Brión.
Entrada libre ata completar aforo.

23 de xullo
MÚSICA: "A BANDA DO VERÁN"

A casa do terror
R/Jacinto Amigo, 20.00 h

Xoán Curiel e a Banda do Verán  presentan un divertido e dinámico espectáculo musical con cancións, danza, teatro e clown e onde a participación do público será a esencia deste concerto para familias.
Entrada libre ata completar aforo.
Público familiar.

29 de xullo
MAXIA:
MAGO ANTÓN
A volta a Galicia en 313 concellos
Praia de Razo/ Sesións de mañá e tarde

8 sesións: 13.00/16.00/17.00/18.00/19.00/20.00/21.00/22.00
Aforo limitado: 30 persoas por sesión
Nun magomóbil, vehículo de 13 metros, no que poderás gozar de numerosos trucos de maxia que desconcertarán e marabillará ao público asistente.
Reserva previa na Biblioteca Rego da Balsa ou na biblioteca da Praia de Razo.
Público familiar.


29 de xullo
MÚSICA: LA CREMA
A ras de suelo ‘21

R/Jacinto Amigo, 20.00 h.
Concerto dun dos grupos referencia de Carballo, que regresa aoS escenarios 30 anos despois para presentar a súa última produción artística.
Entrada libre ata completar aforo.

30 de xullo
MÚSICA: BUDIÑO&NOVOA
Diario de navegantes
R
/Jacinto Amigo, 22.00 h.

Budiño e Pablo Novoa son dous piares fundamentais da música de Galicia que colaboran nun novo proxecto artístico conxunto, un cara a cara musical, cada un coa súa propia obra, que configura a historia musical dunha terra.
Entrada libre ata completar aforo.

6  de agosto
CIRCO:
CIRCO CHOSCO
OH-Pera
R/Jacinto Amigo, 20.00 h.

Circo, humor, equilibrio e acrobacia nunha ópera surrealista. Un espectáculo moi divertido e cheo de sorpresas para público familiar grazas a unha das compañías máis importantes de circo en Galicia.
Entrada libre ata completar aforo.

6 de agosto
MÚSICA: BAIUCA
Embruxo
Aparcadoiro do Pazo da Cultura/ 22.00h.

Percusión, muiñeiras, cantares tradicionais e sintetizador. Todo isto e máis é Baiuca. Unha mestura perfecta entre o folk e a música electrónica, que evoca  directamente  á cultura máis ancestral de Galicia. Un dos artistas emerxentes da música galega, presentará o seu segundo traballo embruxo acompañado do percusionista Xosé Lois Romero, das pandereteiras e cantareiras Lilaina, e das magníficas colaboracións como a do artista Rodrigo Cuevas ou o frautista-gaiteiro Cristian Silva.
Entrada libre ata completar aforo.

12 de agosto
CINE: "SPIDER-MAN: Lonxe da casa"
Pedra do Sal-Baldaio/ 22.00h
130 minutos/ Maiores de 7 anos
Peter Parker decide pasar unhas merecidas vacacións en Europa xunto aos seus amigos Ned e Michelle, pero os seus plans son truncados cando Nick Fury lle encomenda unha nova misión: frear o ataque dunhas criaturas que están causando o caos no continente.
Entrada libre ata completar aforo.

13 de agosto
MÚSICA: MARAYA ZYDECO
R/Jacinto Amigo, 22.00 h.

Maraya Zydeco é unhas das poucas bandas europeas que traballan o xénero cajun, zydeco, e que consegue crear bastante expectación ao escoitar un acordeón interpretando esas músicas, moi próximas á música galega.
Entrada libre ata completar aforo.

19 de agosto
CINE: "Ons"
Rúa Jacinto Amigo/ 22.00 h.
87 minutos/Maiores de 12 anos
Vicente e Mariña viaxan a Ons para pasar o verán. El aproveitará as vacacións para recuperarse dun accidente e das súas consecuencias psicolóxicas. Co paso dos días, o matrimonio irá descubrindo segredos gardados da súa relación de parella.
Película premiada co Premio Mestre Mateo 2021 á Mellor película.
Entrada libre ata completar aforo.

Descargas

Compartir: