Inicio Áreas Deporte Novas Os cursos de verán toman o...

42 ALUMNOS/AS, DIVIDIDOS EN SETE GRUPOS, PARTICIPAN NOS CURSOS DESTE MES

Os cursos de verán toman o relevo da Escola de Natación Infantil, que este curso contou con case 500 participantes

A escola retomará a súa actividade o 13 de setembro con 540 prazas, 96 delas destinadas a participantes de novo ingreso

Xoves 1 de xullo do 2021

Imaxe de arquivo dos cursos de natación infantil

Imaxe de arquivo dos cursos de natación infantil

Coincidindo co comezo do mes de xullo arrincaron tamén os cursos intensivos de natación de verán organizados pola Concellaría de Deporte para o público infantil. A actividade, que inclúe 147 sesións de actividade ao longo de todo o mes, conta con 42 participantes repartidos en sete grupos.

Os cursos intensivos recollen o relevo da Escola de Natación Infantil, que vén de clausurar a súa actividade despois de nove meses marcados polas restricións derivadas da COVID-19, e pola ausencia de incidencias relacionadas coa pandemia grazas á observación estrita por parte dos participantes do protocolo deseñado na área de Deporte.

Entre setembro do 2020 e xuño do 2021 participaron na Escola de Natación Infantil case 500 nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade. En total realizáronse 1.440 sesións, impartidas por un equipo integrado a diario por cinco monitores/as-socorristas e un coordinador.

Dende o departamento que dirixe Marcos Trigo faise unha valoración moi positiva da actividade, especialmente tendo en conta as especiais circunstancias nas que se desenvolveu, e xa se está a traballar de cara ao inicio do vindeiro curso. De feito, o inicio da Escola de Natación Infantil está programado para o 13 de setembro. Este ano haberá 540 prazas, 96 delas destinadas a participantes de novo ingreso.

A actividade manterá o protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para as actividades deportivas organizadas polo Concello de Carballo aplicado no curso 2020/21, de xeito que se manteñen os grupos reducidos, unha única sesión semanal por grupo e o resto de medidas impostas pola situación epidemiolóxica. Neste sentido, en función da evolución sanitaria realizarase poderá realizarse unha adaptación da programación prevista.

Compartir: