Inicio Áreas Deporte Novas Carballo acolle os días 3 e 4 de...

Carballo acolle os días 3 e 4 de xullo o I Clinic de Salvamento e Socorrismo para deportistas federados/as e técnicos/as

As ponencias correrán a cargo de Javier Carballo, doutorado en Ciencias do Deporte; Javier Teijeiro, fisioterapeuta, e Paula Amado, deportista campioa de España de bandeiras

Mércores 30 de xuño do 2021

Os días 3 e 4 de xullo celébrase o I Clinic de Salvamento e Socorrismo Concello de Carballo, organizado a través da área de Turismo coa colaboración do club de salvamento Virsal (Virgentis Salvamento Bergantiños). A formación, dirixida a técnicos/as e deportistas federados/as, celebrarase entre o Fórum e a praia de Razo. O programa centrarase, por unha banda, na aprendizaxe da parte teórica das disciplinas de salvamento e socorrismo deportivo de sprint praia e bandeiras, e, por outra, na aplicación práctica dos coñecementos adquiridos, que se complementarán coa visión dende o punto de vista da fisioloxía deportiva e a recuperación terapéutica e articular para a práctica destas disciplinas deportivas. As inscricións deben realizarse enviando a infovirsal@gmail.com, debidamente cuberto, o documento en formato Excell que pode descargarse máis abaixo, xunto co protocolo COVID-19.

Os poñentes do I Clinic de Salvamento e Socorrismo Concello de Carballo serán Javier Carballo, doutorado en Ciencias do Deporte, Máster Interuniversitario en Investigación da actividade física e deportiva, Graduado en Ciencias da actividade aísica e o deporte e adestrador superior de salvamento e socorrismo; Javier Teijeiro, diplomado en Fisioterapia e especialista en fisioterapia deportiva, e Paula Amado, campioa de España de bandeiras.

PROGRAMA

DIA 3 Parte teórica -FÓRUM (11:00 - 14:30 horas)
T1) Parte teórico-deportiva: Javier Carballo
¿Que preciso para ser un bo sprinter en area?
-Fundamentos biomecánicos aplicados
-Saídas de bandeiras e as súas grandes diferenzas, cal é a mellor saída?
-Aspectos técnicos da saída de bandeiras e da saída de sprint
-Diferenzas na técnica de carreira de bandeiras e de sprint
-A recollida da bandeira e a seguridade nos impactos
-A táctica entorno ás bandeiras
Como adestrar para conseguilo?
-Necesidades fisiolóxicas
-Métodos de adestramento da forza
-Métodos de adestramento da velocidade
-Adestramento compensatorio
-Planificación
Tempo da exposición aproximado: 60-90 ‘por tema.

T2) Parte teoría terapéutica recuperativa: Javier Teijeiro (fisioterapia)
Tendinopatías: bases anatómicas e fisiolóxicas, biomecánica do tendón, tratamento das tendinopatías, exercicio e neuroplasticidade. Tempo da exposición: 30 minutos

T3) Parte experiencia deportiva: Paula Amado, atleta carballesa campioa de España
Exposición baseada na experiencia deportiva de alto nivel (rolda de preguntas sobre a experiencia nos campionatos gañados ou asistidos).

DIA 3 (16:30 a 20:15 horas) e DIA 4 (10:00 a 13:15 horas)
Parte práctica -Praia de Razo

ÍNDICE PRÁCTICA
1ª Clase Práctica
-Técnica de saída de bandeiras e sprint (saída de pivote, saída de pivote con xeonllos, saída de xeonllos, saída de tacos)
2ª Clase práctica
-Técnica de carreira (aceleración, velocidade, resistencia a velocidades elevadas)
3ª Clase práctica
-Recollida da bandeira e situacións tácticas
Horario: sesións de 45’ a 1h dependendo do número de grupos, número de alumnos e o seu nivel físico.

Descargas

Compartir: