Inicio Áreas Cultura Novas Preto de 900 persoas participaron nas...

Preto de 900 persoas participaron nas actividades realizadas arredor do Rexenera Fest

O museo ao aire libre de Carballo conta xa con case noventa obras realizadas por artistas de todo o mundo

Mércores 16 de xuño do 2021

Franco Fasoli foi o primeiro en chegar e en rematar (Foto: AL Crego)

Franco Fasoli foi o primeiro en chegar e en rematar (Foto: AL Crego)

Rematou outra edición do Rexenera Fest e Carballo loce moito máis fermoso grazas ao traballo realizado polos seis artistas que nos acompañaron neste mes de xuño. Pero ademais de seguir derrubando muros con pintura, nun proceso creativo que veciñanza e visitantes puideron ver evolucionar en directo día tras día, o balance do Festival Internacional de Arte Urbana inclúe tamén outros aspectos positivos.

Os números falan por si mesmos: malia a pandemia, a participación nas actividades realizadas ao longo dos dez días de festival aproximouse ás 900 persoas, que desfrutaron dos xogos de pistas e das visitas guiadas polos preto de 90 murais que compoñen o gran museo ao aire libre que xa é Carballo.

Mou segue traballando na esquina das rúas Gran Vía e Rosalía de Castro

Mou segue traballando na esquina das rúas Gran Vía e Rosalía de Castro

Esta sétima edición do Rexenera Fest supuxo unha oportunidade única para reunir no noso concello a seis artistas de proxección estatal e internacional. As súas obras agárdante xa en distintos recunchos de Carballo:

  • Harsa. Atoparás a súa fermosa serea na rúa Camelias, fronte ao parque do mesmo nome. 
  • Mou. O seu mural está na esquina da rúa Rosalía de Castro coa Gran Vía. É o único que segue en proceso, xa que o artista incorporouse máis tarde, pero, como podes ver na foto, xa queda pouco.  
  • Marta Lapeña. Verás perfectamente a súa homenaxe á Olería de Buño dende o número 49 da rúa Fábrica. 
  • Franco Fasoli. O artista arxentino foi o primeiro en chegar e tamén en rematar, e déixanos unha impresionante obras no lateral do edificio número 33-35 da rúa Río Miño. 
  • Van Vuu. É o nome artístico de Iván Floro, que nos deixa como agasallo unha preciosa aperta no lateral do número 29 da Avenida da Milagrosa. 
  • Ana Langeheldt. Achégate pola rúa Mandeo, e fronte ao edificio dos xulgados, atoparás a súa linda pegada. 



Galería

Compartir: