Inicio Áreas Deporte Novas Intensa fin de semana de baloncesto en...

Intensa fin de semana de baloncesto en Carballo, que acolle as fases de ascenso nas categorías sénior masculina e cadete feminina

Representantes dos clubs Artai e Xiria, da Federación Galega e do Concello presentaron as competicións

Xoves 10 de xuño do 2021

Xosé Regueira, Marcos Trigo, José Manuel Villamarín, Evencio Ferrero, Macarena Mato, Joaquín Moreira e Arturo Ferraces

Xosé Regueira, Marcos Trigo, José Manuel Villamarín, Evencio Ferrero, Macarena Mato, Joaquín Moreira e Arturo Ferraces

O deporte volve a ser noticia en Carballo, porque o noso concello acolle esta fin de semana dúas interesantes e, previsiblemente, intensas fases de ascenso de baloncesto: por unha banda, a fase de ascenso a 2ª División Autonómica, na que temos entre os catro aspirantes ao Turismo Carballo de 3ª División, e, por outra, a fase de ascenso a 1ª División cadete feminina, con oito equipos entre os que figura o representante local Xestoría Queijo Xiria Artai.

O Club Baloncesto Artai é o encargado de organizar a fase de ascenso a 2ª División. O seu presidente, Joaquín Moreira, xunto coa directora do CPR Plurilingüe Artai, Macarena Mato; así coma o director deportivo da Escola Basket Xiria, Arturo Ferraces, que organiza a competición cadete, presentaron o cartel nun acto no que tamén participaron José Manuel Villamarín, vicepresidente segundo da Federación Galega de Baloncesto; Marcos Trigo, concelleiro de Deporte; Xosé Regueira, concelleiro de Turismo e vicepresidente da Deputación, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Intervencións

Marcos Trigo abriu o acto felicitando aos clubs e á federación “porque foi un ano moi difícil, no que, asumindo uns protocolos moi complexos, conseguiron sacar adiante o baloncesto. Se hai unha fase en Carballo é porque hai un traballo detrás”. Ás dificultades para seguir promovendo o deporte referíronse tamén os representantes do Artai. Joaquín Moreira cualificou esta fase “case como un premio” para todo o club, e asegurou que, máis que conseguir a única praza de ascenso en competición, o importante “é que todo saia ben”.

Para Arturo Ferraces é “unha boa nova que este tipo de eventos volvan a realizarse”, e expresou nese sentido o seu agradecemento ao Concello de Carballo, “que sempre está dispoñible e botando unha man”. O director deportivo da EBXiria tamén quixo destacar o esforzo dos xogadores, e o seu compromiso co baloncesto, por vir adestrar e xogar aínda estudando fóra de Carballo.

O representante da Federación Galega, pola súa banda, quixo destacar o traballo dos clubs carballeses, “que sempre están para todo”.

Dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira destacou unha vez máis que “non hai mellor valado publicitario que a camiseta dun deportista”, e nese sentido insistiu en que o deporte non só é beneficioso para a saúde de quen o practica senón tamén “para a economía dos concellos”.

Con esta convicción, dende o Concello de Carballo “sempre procuramos facilitar todo o posible para que a práctica deportiva se siga realizando coa maior normalidade posible”, asegurou o alcalde, quen tendeu a man para seguir colaborando “para que as vosas ilusións se fagan realidade”.

Fase de ascenso a 2ª División Autonómica sénior masculina

A fase de ascenso disputarase o sábado 12 no pavillón Vila de Noia, coa participación dos equipos Turismo Carballo, ADFRO da Coruña, Esclavas Trebóns da Coruña e Básquet Ames. Só ascende o equipo campión. O formato da competición será o seguinte:

  • 10:00 horas (1ª semifinal): Turismo Carballo-Esclavas
  • 12:30 horas (2ª semifinal): ADFRO-CB Ames
  • 18:00 horas: final

Fase de ascenso a 1ª División cadete feminina

Pola única praza de ascenso loitarán tamén os 8 equipos participantes na fase de ascenso na categoría cadete feminina, organizada pola Escola Basket Xiria: Celta Zorka de Vigo, CB Noia, Estudiantes de Lugo, Santo Domingo de Betanzos, Salesianos Vigo, Clb Cortegada de Vilagarcia, Baxi Ferrol e o anfitrión Xestoría Queijo Xiria Artai.

O equipo local medirase en cuartos de final ao Baxi Ferrol o sábado 12, ás 12:45, no pavillón Carballo Calero. Os partidos repartiranse entre esta instalación e a cancha do IES Isidro Parga Pondal. A final será o domingo 13 ás 12:30 horas.

Compartir: