Inicio Áreas Cultura Novas Aberto o prazo de inscrición...

FIOT 2021

Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do certame de micro-escenas metro cadrado

As propostas seleccionadas serán representadas no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT)

Venres 21 de maio do 2021

Imaxe dunha das representacións de micro-escenas

Imaxe dunha das representacións de micro-escenas

A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), convoca a quinta edición do Certame de micro-escenas metro cadrado, un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato que, por unha banda, constitúe unha interesante proposta de apoio á creación emerxente; por outra, permite utilizar espazos non teatrais que contextualizan e serven de escenografía natural do espectáculo, e ademais favorece a captación de novos públicos e a implicación da cidadanía en proxectos escénicos.

Tal como figura nas bases da convocatoria, o obxectivo é que compañías e creadores/as emerxentes presenten propostas teatrais cunha duración de entre 10 e 20 minutos e concibidas para ser representadas en espazos concretos. Poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que se terá en conta a autoría propia, a nova creación e, moi especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados. Así mesmo, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador da cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar cando menos unha proposta que se desenvolva ou na que teñan un peso moi claro os medios en liña ou virtuais.

A Asociación Cultural Telón e Aparte destina ao certame un total de 3.000 euros. Cada unha das pezas seleccionadas polo xurado recibirá unha compensación económica de 450 euros. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votación e optarán a premios de 150 € á  Interpretación e ao Espectáculo.

Estes son os espazos que poderán acoller as representacións:

  • Biblioteca       
  • Alcaldía
  • Palco da música
  • Cafetaría        
  • Skate Praza 
  • Ponte sobre o río
  • Horto urbano
  • Aula de información empresarial
  • Balcón do Concello de Carballo (público na praza)
  • Parque infantil
  • Parque para maiores
  • Pista deportiva

150 propostas en catro anos

Unha das 24 propostas seleccionadas nestes anos

Unha das 24 propostas seleccionadas nestes anos

O microteatro é un formato escénico que nos últimos anos está adquirindo unha relevancia destacada e concita o interese de creadores emerxentes así como o interese do público, aínda que a súa presenza nas programacións en Galicia é moi ocasional. Por estes motivos, o proxecto que presentamos ten un carácter innovador xa que é o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, e ademais visualiza novos formatos e experiencias escénicas e aos seus creadores.

Na edición do 2020 o FIOT recibiu un total de 48 propostas, seis das cales participaron na cuarta edición do certame. Nas catro edicións celebradas son preto de 150 as propostas recibidas, nalgúns casos de dramaturgos ou creadores individuais, pero na maior parte dos casos de equipos integrados por 3-5 profesionais. De todas elas foron seleccionadas 24, ás que se sumarán este ano entre 4 e 6 máis. A acollida do concurso é moi boa, tanto polo número e a calidade das propostas que se reciben cada ano coma pola aceptación do público.

As representacións dos espectáculos gañadores celebraranse no marco dun dos eventos teatrais máis importantes de Galicia, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), complementando o programa. Este contexto de prestixio é un importante incentivo para os participantes xa que é un evento de difusión de ámbito galego e presenza nacional, cun numeroso público da comarca e tamén de Galicia que visibiliza e pon en valor as obras representadas e as compañías ou equipos creativos responsables.

Podes descargar as bases e o impreso de inscrición máis abaixo.

Descargas

Compartir: