Inicio Áreas Deporte Novas O Bergantiños celebra o ascenso...

O Bergantiños celebra o ascenso a Segunda RFEF cunha recepción na Casa do Concello e coa intención de seguir facendo historia

Xogadores, cadro técnico e xunta directiva participaron na recepción oficial ofrecida polo alcalde e o concelleiro de Deporte

Venres 14 de maio do 2021

A recepción celebrouse no salón de plenos

A recepción celebrouse no salón de plenos

“Este club merece isto e moito máis”. Estas palabras de Aarón, capitán do Bergantiños FC, reflicten a alegría do primeiro equipo pola consecución do histórico ascenso a Segunda RFEF pero tamén o desexo de seguir facendo historia e colleitando éxitos para o club e para Carballo.

Hoxe Aarón e os seus compañeiros, xunto co cadro técnico e boa parte da xunta directiva do Bergantiños foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que abriu coa felicitación ao club o acto celebrado no salón de plenos da Casa do Concello.

Capitán, adestrador e presidente do Bergan expresaron a súa satisfacción polo éxito acadado. “Eu tiña unha espiña cravada”, asegurou Chano Calvo, que destacou a excelente tempada realizada polo equipo e o ánimo que amosaron sempre os xogadores. “Ides ser a xeración de ‘Bergan, dálle lume’”, declarou.

Tanto o presidente, como o técnico José Luis Lemos e o capitán do equipo agradeceron o apoio do Concello de Carballo para poder utilizar unhas instalacións excelentes, aínda que todos coincidiron tamén no obxectivo de poder contar algún día cun campo de herba no centro urbano. “Sería espectacular ter un campo en Carballo, pero entendemos as limitacións da Administración, e estamos contentos coas instalacións que temos”, expresou Aarón.

O alcalde, pola súa banda, deu a benvida dos participantes ao salón de plenos, “onde se debaten as necesidades e os proxectos de futuro, pero tamén se celebran alegrías coma esta”. Evencio Ferrero revelou hoxe que ten o carné de socio número 38 do Bergantiños e lembrou a súa infancia como seguidor do Bergan no campo de Pedras Brancas, e “tamén vivín –dixo- os bos tempos do Chorís. Comparto con vós que non se debería ter cambiado a situación do campo, e, respecto deses envites de futuro, dende o Concello sempre estaremos do lado da directiva, porque estamos seguros de que na vida futura quedan moitas páxinas por escribir”.

O acto rematou coa entrega de obsequios. O Concello de Carballo entregou ao club un carballo de Sargadelos, e o Bergantiños FC agasallou ao alcalde e ao concelleiro de Deporte con cadansúa camisola asinada por todos os xogadores.



Galería

Compartir: