Inicio Áreas Deporte Novas O Concello de Carballo abre unha nova...

PRAZO ABERTO DENDE O 31 DE MARZO. DESCARGA AQUÍ O IMPRESO DE SOLICITUDE

O Concello de Carballo abre unha nova liña de axudas para deportistas individuais menores de 18 anos

A Concellaría de Deporte entregará un máximo de 20 bolsas de 300 euros cada unha

Mércores 24 de marzo do 2021

A partir do 31 de marzo está aberto o prazo de solicitude de axudas a deportistas individuais do Concello de Carballo para financiar a actividade desenvolvida no ano 2020. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou o día 30 o extracto da convocatoria. As bases foron publicadas o día 24 de marzo. O obxectivo das subvencións, que se convocan por primeira vez e que se suman ás distintas liñas municipais de axuda ao deporte, é paliar as dificultades coas que se atopan os/as deportistas individuais, en especial nas etapas de formación e, sobre todo, cando non existan entidades que ofrecen soporte ás súas necesidades específicas.

A convocatoria está aberta a deportistas residentes no noso concello nados/as a partir do 1 de xaneiro do ano 2002, e que reúnan os seguintes requisitos:

  • Practicar un deporte individual, regulamentado como tal.
  • Pertencer a categorías de base.
  • Residir no concello de Carballo como mínimo dende o 1 de xaneiro do 2019.
  • Dispoñer de licenza deportiva vixente durante o ano 2020.
  • Acreditar nivel deportivo na modalidade practicada e ter proxección nas previsións de futuro.

Non poderán acceder ás bolsas os proxectos xa subvencionados polo Concello de Carballo a través doutras convocatorias, as actividades realizadas por deportistas individuais pertencentes a entidades que xa percibiran subvencións municipais, as actividades que se realicen fóra do ámbito municipal cando exista no noso concello a estrutura necesaria para levalas a cabo ou aquelas modalidades que carezan de interese social, educativo e/ou físico deportivo.

O Concello de Carballo concederá un máximo de 20 bolsas, dotadas con 300 euros cada unha, apoiando deste xeito a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e á obtención dun maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas coma para posibilitar a súa participación en eventos deportivos, facilitándolles o acceso a unha preparación integral axeitada que lles permita conseguir os seus obxectivos e, indirectamente, os do Concello de Carballo no ámbito deportivo. As bolsas serán compatibles con outras axudas públicas ou privadas.

O prazo de solicitude será de 20 días a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello de Carballo, na páxina web www.carballo.gal.

Podes descargar as bases da convocatoria e o impreso de solicitude máis abaixo.

Descargas

Compartir: