Inicio Áreas Cultura Novas O IES Alfredo Brañas amosa con...

O IES Alfredo Brañas amosa con motivo do seu 50º aniversario as principais pezas do legado do Fillo Predilecto de Carballo

O alcalde, o concelleiro de Cultura e a concelleira de Normalización Lingüística acudiron á inauguración da exposición temporal

Martes 23 de marzo do 2021

Membros do equipo directivo do centro, representantes da Asociación Alfredo Brañas e do Concello de Carballo asistiron á inauguración da mostra

Membros do equipo directivo do centro, representantes da Asociación Alfredo Brañas e do Concello de Carballo asistiron á inauguración da mostra

Cunha asistencia moi reducida, acorde á situación sanitaria, foi inaugurada esta mesma mañá unha exposición coas pezas do legado de Alfredo Brañas cedidas temporalmente polo Concello ao instituto que leva o nome do único Fillo Predilecto de Carballo. A mostra enmárcase nos actos conmemorativos do 50º aniversario do centro, que se estenderán ao longo de todo o curso.

O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, achegáronse ata o IES Alfredo Brañas para participar no sinxelo acto de apertura da mostra, ao que tamén asistiu coma convidado José Manuel Cameán en representación da Asociación Alfredo Brañas.

A directora do instituto, Mónica Mariño, deu a benvida aos convidados e agradeceu a cesión do material por parte do Concello de Carballo.

O profesor e historiador Xan Fraga fixo un breve percorrido pola exposición, que inclúe “elementos bastante destacados, como os libros, polo propio contido dos mesmos, como “A campana d’Anllóns”, de Eduardo Pondal, que é un libro realmente extraordinario do autor do Himno Galego e que está dedicado dunha maneira manuscrita ao propio Alfredo Brañas, ou unha primeira edición de “El Regionalismo”, editado en Barcelona en 1889, e así diversas obras de Alfredo Brañas e doutros coetáneos”. Aludiu así mesmo as cartas manuscritas á súa nai pero tamén a outros autores da época, e destacou que esas relacións persoais de Alfredo Brañas foron especialmente importantes “para situar Carballo no mapa de Galicia”.

Xan Fraga aproveitou o acto para lembrar a Xosé Ramón Barreiro, que finou hai só uns días, e que era un dos principais investigadores da obra de Brañas e dos autores e autoras do Rexurdimento.

Evencio Ferrero asinou no Libro de Honra do instituto

Evencio Ferrero asinou no Libro de Honra do instituto

O alcalde pechou o acto agradecendo a iniciativa do IES Alfredo Brañas e o labor investigador da historia local que vén desenvolvendo Xan Fraga, ademais de destacar a importancia de Alfredo Brañas para Carballo e para entender Galicia. Por iso, quixo deixar unha mensaxe a todo o alumnado que vai poder gozar da exposición do legado para que o desfruten e o estuden. Evencio Ferrero tamén deixou unha mensaxe no Libro de Honra do instituto: “Moi honrado de visitar o meu instituto, que leva o nome do ilustre carballés Alfredo Brañas para dar gloria ao noso concello. Que as landras sigan a prender”.

Compartir: