Inicio Áreas Cultura Novas Antón Díaz “Tucho” recrea...

Antón Díaz “Tucho” recrea o Carballo da súa infancia na súa primeira exposición en solitario no Pazo da Cultura

A mostra, inaugurada hoxe coa presenza do alcalde e do concelleiro de Cultura, pode visitarse ata o 11 de abril

Mércores 17 de marzo do 2021

Evencio Ferrero, Tucho e Marcos Trigo, xunto á obra que dá título á exposición

Evencio Ferrero, Tucho e Marcos Trigo, xunto á obra que dá título á exposición

Antón Díaz Sánchez, “Tucho”, ten 22 anos e un futuro moi prometedor no difícil mundo da arte, como poderedes comprobar se vos achegades estes días ata o Pazo da Cultura. Na súa primeira exposición en solitario no noso concello, “Nosa Terra”, amósanos o Carballo da súa infancia a través de escenas cotiás que forman parte dos seus recordos, como a casa patrucial de Vilela, unha mañá de Reis en familia ou a mítica “Dulcería Vella”; pero, xunto a esa mirada máis íntima e persoal, a mostra constitúe tamén unha homenaxe á pintura galega, con obras de homenaxe a Seoane ou Castelao, e unha aposta pola dignificación e a posta en valor de Galicia como patrimonio de todas e todos.

Na súa estrea como profesional, xa que vén de graduarse en Belas Artes na Universidade de Salamanca, Tucho estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e arroupado por unha pequena representación da súa familia. Foi un acto con pouco público, adaptado á situación sanitaria, a partir de hoxe mesmo a exposición está á vosa disposición de luns a venres, de 18.30 a 21.00 horas, ata o 11 de abril.

“Nosa Terra” é tamén unha colección que ten moito que ver coa pandemia, xa que Tucho pintou a práctica totalidade das 18 obras que a integran no ano 2020. O propio autor explícanos máis sobre a súa pintura no vídeo que podes ver a continuación. Pero, como el mesmo di, o mellor é que te achegues ao andar -1 do Pazo da Cultura.

Vídeos

Compartir: