Inicio Áreas Cultura Novas Xa está aquí un novo...

NADAL CULTURAL 2020

Xa está aquí un novo Nadal Pequespectacular con teatro, monicreques e música para a cativada

A programación do Nadal Cultural de Carballo recolle, un ano máis, as propostas lúdicas e solidarias do movemento asociativo para estas datas

Venres 18 de decembro do 2020

O alcalde foi un dos asistentes á presentación do novo libro de Rosalía Fernández Rial, que estivo acompañada por Mercedes Queixas

O alcalde foi un dos asistentes á presentación do novo libro de Rosalía Fernández Rial, que estivo acompañada por Mercedes Queixas

Despois da presentación de “Árbores no deserto”, última obra da escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, estamos a piques de vivir un de tantos momentos para a historia que nos ten ofrecido o teatro en Carballo. Hoxe ás 20.30, no Pazo da Cultura, o mesmo lugar onde se estreou, asistiremos á última representación de “Fillos do sol”, a coprodución do FIOT e Contraproducións dirixida por Cándido Pazó e interpretada por César Cambeiro, Adrián Ríos e a carballesa Alba Bermúdez.

Ao mesmo tempo, xa está petando á porta unha das actividades máis agardadas polas familias, o Nadal Pequespectacular, que os días 27, 28 e 29 traerá ao Pazo da Cultura divertidas propostas de teatro, monicreques e música para a cativada. Despois de case un cento de espectáculos ao longo de case vinte anos, este ano, coa colaboración da Agadic, temos un cartel de primeira:

  • Domingo, 27 de decembro. A compañía Oviravai presenta “Paio e o poder da música”, un divertido espectáculo de gran formato con contido social, xa que aborda temas como o acoso escolar, a igualdade ou a reciclaxe.
  • Luns, 28 de decembro. Monicreques de Kukas presenta “Arlequina”, un  espectáculo  de marionetas, actores, maxia e música en directo que recrea un divertido universo creativo particular cunha das compañías de teatro máis antigas de Galicia.
  • Martes, 29 de decembro. A compañía vasca Anita Maravillas & Portal 71 traerá a Carballo o espectáculo “Jon Braun”, unha magnífica historia sobre o amor filial e a superación, onde o heroe será Malintxe, unha muller forte e guerreira, e o anti-heroe, Jon Braun, que afrontará as dificultades con ilusión.

+ INFO NADAL PEQUESPECTACULAR

  • As entradas para os espectáculos do Nadal Pequespectacular poranse á venda os mesmos días das funcións, a partir das 16.30 horas, na billeteira do Pazo da Cultura.
  • Poñeranse á venta 62 entradas por cada función: 52 dobres destinadas a persoas conviventes e 10 entradas individuais destinadas a espectadores de máis de 10 anos.
  • Todas as representación comezarán ás 18.00 horas.
  • Teléfono de información. 981 704 300

MÁIS NADAL, MÁIS CULTURA

O Nadal Cultural agrupa un conxunto de actividades culturais, lúdicas e tamén solidarias, que, coincidindo con estas festas tradicionais, teñen por obxectivo ofertar diferentes opcións para enriquecer culturalmente este tempo de lecer. A oferta é diversa e para todos os públicos, pero cun protagonismo indiscutible dos nenos e nenas.

A programación está integrada polas actividades promovidas directamente polo Concello e as organizadas polo movemento asociativo. Podes ver o calendario completo no folleto axunto.

Como medida de prevención fronte á COVID_19, e para facilitar o acceso ás actividades a todo o público interesado, este Nadal, como xa vimos facendo nos últimos meses, ofreceremos en streaming moitos dos espectáculos previstos. Entre eles, o Concerto de Nadal que interpretará o alumnado do Conservatorio Profesional de Música o día 22 ou a cabalgata de Reis, para a que temos previstas moitas sorpresas que daremos a coñecer nos vindeiros días.

Descargas

Compartir: