Inicio Áreas Cultura Novas O Carballo Interplay acada máis...

O Carballo Interplay acada máis de 23.000 visualizacións na primeira edición 100% na rede

O Festival de Contidos Dixitais chegou a miles de persoas co seu programa de actividades on-line, ofrecendo 26 horas de contidos a través de tres plataformas: Youtube, Facebook e Twitch

Mércores 25 de novembro do 2020

Verto, na xornada de clausura do Carballo Interplay

Verto, na xornada de clausura do Carballo Interplay

O Carballo Interplay, organizado polo Concello de Carballo, cumpriu neste 2020 sete anos de vida, convertido no festival de contidos dixitais máis importante do Estado. Unha cita de referencia para o sector dixital global que cada ano ofrece, dende Carballo para o mundo, unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional, cunha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e cun programa de actividades coas que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet. Esta sétima edición do Carballo Interplay trasladouse á rede, onde ofreceu 26 horas de contidos dixitais, en directo, que miles de persoas gozaron de xeito libre e gratuíto a través de tres plataformas: Youtube, Facebook e Twitch.

O programa 100% na rede do VII Carballo Interplay acadou na semana do festival máis de 23000 reproducións, sumando máis de 3400 horas de visualización só en Youtube. Gran parte deses contidos son de creación propia do festival e continúan na rede, engadindo visualizacións e achegando así a miles de persoas de todo o mundo os contidos clave desta edición: o machismo nos videoxogos, a comedia feminina que medra vizosa nas barricadas de Internet, a capacidade das tecnoloxías de vangarda para axudarnos a afrontar a crise sanitaria (e outras crises que aínda non intuímos) e, sobre todo, o talento dixital galego e en galego que agochan as series, os podcast, a música ou o youtube do país.

O equipo do Carballo Interplay agarda recuperar a presencialidade no 2021, para poder seguir creando espazos físicos de convivencia e sinerxías entre creadores e creadoras, como viña facendo dende o seu nacemento. Porén, recoñece que as actividades desta edición chegaron a moitas máis persoas das que caben no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, o que demostra a fortaleza do festival no seu papel como epicentro da vangarda de contidos dixitais do Estado e implica asumir que pase o que pase no futuro non se poderá renunciar á potencialidade da difusión a través da rede.

Vídeos

Compartir: