Inicio Áreas Deporte Novas A Concellaría de Deporte adapta...

TOMA NOTA DAS MODIFICACIÓNS

A Concellaría de Deporte adapta os servizos ás novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia ante o avance da COVID-19

Sábado 14 de novembro do 2020

A Concellaría de Deporte adapta a carta de servizos deportivos ás novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia no noso concello ante o avance da COVID-19. Deste xeito, mentres se manteña a situación actual, en principio durante as próximas catro semanas, adoptaranse as seguintes medidas:

ACTIVIDADES SUSPENDIDAS

  1. Escola de Natación 2020/21 para nenos e nenas. 
  2. Aquagym. 
  3. Uso recreativo das piscinas Carballo Calero e Vila de Noia. A este respecto aclaramos que o acceso ás piscinas debe limitarse á actividade deportiva individual, de xeito que se exclúe a asistencia con menores que non executen a mesma de xeito autónomo. Como consecuencia da suspensión da Escola de Natación para nenos e nenas, a piscina Vila de Noia estará aberta para as persoas abonadas de 08:00 a 22:30 horas. 

ACTIVIDADES ADAPTADAS PARA CUMPRIR COAS RESTRICIÓNS

  1. Cursos de natación de adultos: adaptarase a actividade individual titorizada por monitor. 
  2. Ximnasia de mantemento: manterase a actividade individual titorizada por monitor.

OUTRAS MEDIDAS INCLUÍDAS NO DECRETO DA XUNTA

Con respecto á práctica deportiva, o decreto da Xunta de Galicia vixente neste momento establece as seguintes limitacións:

  • Actividades e instalacións deportivas non federadas: pode realizarse actividade ao aire libre de maneira individual. Tamén colectiva, pero neste caso só entre persoas conviventes e sen contacto físico.
  • As instalacións e centros deportivos non poderán superar o 50% da súa capacidade e só se permiten actividades individuais (sen contar ao monitor).
  • Celebración eventos deportivos, adestramentos e competicións deportivas con público: ao 50% da capacidade, cun máximo de 30 persoas, en espazos pechados; e de 75, ao aire libre. O público debe permanecer sentado.
  • Piscinas: as recreativas permanecerán pechadas. As de competición, ao 50% da capacidade e só se permite a actividade individual.
A Xunta de Galicia non establece limitacións no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Compartir: