Inicio Áreas Cultura Novas A performance "Lara Hierro:...

FIOT EN PAUSA

A performance "Lara Hierro: Monólogo para o corpo en movemento" gaña o Premio do Público do certame de M2

Os asistentes recoñeceron tamén a actriz Iria Pinheiro como Mellor Intérprete desta edición polo seu papel no espectáculo Croquetas

Martes 3 de novembro do 2020

O público asistente á cuarta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a programación de creación escénica de novos formatos e de artistas emerxentes do FIOT, escolleu a performance Lara Hierro: Monólogo para o corpo en movemento como Mellor Espectáculo deste ano. A proposta, da compañía Constance Hurlé, tivo a súa estrea absoluta o pasado 17 de outubro na Ludoteca Municipal de Carballo, durante a celebración do FIOT en pausa.

Constance Hurlé e Clara Ferrao Diz presentaron unha performance sobre a realidade vivida durante o confinamento a través da experiencia da súa protagonista, Lara Hierro, quen descobre nesas semanas que o seu corpo bule de saudade dun tempo que non sabe se volverá. A pandemia e a incerteza que nace arredor do contexto actual, ambas tratadas deste puntos de vista diferentes, foron casualmente os temas centrais de moitas das pezas que participaron nesta edición do certame M2 .

O espectáculo gañador, no que a compañía aborda a crise social e económica do momento e como esta afecta tamén ao sector cultural, desenvolveuse nas ventás e exteriores da Ludoteca Municipal. Trátase da primeira ocasión que este espazo, no que se situaba o edificio das Antigas Escolas do Xardín, acolle algunha das propostas do Metro Cadrado, nun ano no que o certame fixo uso de novas localizacións en puntos singulares da cidade, como é o caso do Salón de Plenos da Casa do Concello, no que Helena Salgueiro representou Ferro, Federici (Unha introdución). Tamén as salas de exhibición do Pazo da Cultura acolleron as estreas absolutas de propostas como Evasión ou Manuela é unha inuit. Política postocovid. Precisamente esta última entrou en relación directa cunha das pezas da exposición Pandemia. Novos retos, que acolle o Pazo da Cultura até o vindeiro 7 de novembro. Tanto a compañía Producións Sr. López coma o pintor local Antón Díaz ‘Tucho’ tiveron coma fonte de inspiración a obra La emigrante, de Luis Seoane.

Por outra banda, as e os asistentes ao M2 tamén outorgaron, como é tradición, un segundo premio coas súas valoracións. O público recoñeceu á actriz Iria Pinheiro co galardón á Mellor Intepretación desta edición polo seu papel na peza Croquetas, representado o sábado 10 no Casino 1889. Casualmente a artista escolleu o Certame de Micro-Escenas como broche dourado da xira deste espectáculo, no que achega ao público as experiencias dunha muller que emigra a Alemaña na posguerra.

IV CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

Nun ano excepcional, no que a organización do FIOT decidiu non celebrar a 29ª edición do festival pero si manter a escencia do mesmo, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado sitouse unha edición máis como unha das propostas máis interesantes de apoio á creación emerxente que se desenvolven en Galicia.

O M2 propón achegar ao público de Carballo novos formatos escénicos desde a proximidade, cun teatro mínimo e intenso, que asalta desde o cotián, os espazos comunitarios ou domésticos. O Certame de Micro-Escenas parte dunha premisa: a posibilidade de crear espectáculos ou experiencias teatrais singulares, de entre 10 e 20 minutos, para presentalos en espazos non habituais para a representación escénica diante dun número moi limitado de asistentes

Neste 2020, o FIOT recibiu un total de 48 propostas, das que seis participaron na cuarta edición do certame. As propostas gañadoras, tanto no caso do espectáculo coma da interpretación, son seleccionadas polo público mediante votación e reciben 150 euros de premio.

Compartir: