Inicio Áreas Deporte Novas As instalacións deportivas...

As instalacións deportivas municipais, listas para a reapertura a partir do inicio da Fase 3 da desescalada o vindeiro luns

A volta á actividade será progresiva, e comezará coa entrada en funcionamento das piscinas e as salas de fitness só para abonados/as e con cita previa

Venres 5 de xuño do 2020

Coincidindo co inicio da Fase 3 da desescalada a partir do luns 8 de xuño, o Concello de Carballo reabrirá os complexos deportivos municipais. Neste momento a prioridade é a volta á actividade nas máximas condicións de seguridade tanto para traballadores/as como para usuarios/as. O protocolo de actuación coas medidas de seguridade adoptadas púxose a proba esta semana durante os simulacros realizados nos dous complexos deportivos municipais.

Deste xeito, o luns 8 abrirán os complexos deportivos Vila de Noia e Carballo Calero. De luns a venres en horario de mañá e tarde, e os sábados pola mañá, estarán dispoñibles tanto as piscinas para natación deportiva como as salas fitness para actividade individual. Para poder acudir será preciso concertar cita previa telefónica chamando ao 981702109 (ext. 2 de) de luns a venres, de 09:00 a 13:00 e de 16:30 a 20:30 horas, e os sábados, de 09:30 a 13:00. Polo momento os servizos están dispoñibles só para persoas abonadas, nas mesmas condicións nas que estaban inscritas antes do estado de alarma. As persoas usuarias deberán atender en todo momento as indicacións do persoal e seguir as medidas de seguridade desde a súa chegada ás instalacións e ata que abandonen as mesmas.

A área de Deporte leva semanas traballando na volta á actividade e aproveitou o parón do estado de alarma para realizar tarefas de reparación, mellora e mantemento das instalacións, o que permitirá agora reabrir de xeito ininterrompido, sen o habitual parón de verán. Está previsto ir implantando progresivamente outras medidas, como o acceso online a trámites e actividades, co obxectivo de modernizar a oferta para adaptarse á realidade provocada pola COVID-19.

Compartir: