Inicio Áreas Cultura Novas A programación do Entroido...

ÚLTIMOS DÍAS PARA PARTICIPAR NO CONCURSO DE COMPARSAS E CARROZAS

A programación do Entroido espalla a festa por todos os recunchos do noso concello

A regueifeira Lupe Branco exercerá este ano como presentadora do tradicional certame do Domingo de Entroido

Venres 14 de febreiro do 2020

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Lupe Blanco xa se anticiparon ao Entroido

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Lupe Blanco xa se anticiparon ao Entroido

“O Entroido é a festa por excelencia neste país, e proba dilo é que o Martes de Entroido é o día festivo en máis concellos”, dixo o alcalde na presentación da programación cultural que se desenvolverá dende hoxe mesmo e ata o último día do mes de febreiro en todos os recunchos do noso concello. O día 25 tamén será festivo en Carballo, o que axudará a vivir aínda con máis intensidade unha celebración que, como apuntou Evencio Ferrero, tamén consiste en “interpretar a realidade dunha maneira lúdica e transgresora”.

O alcalde e tamén o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, fixeron unha chamada á participación, que é a clave do éxito dunha festa coma o Entroido. E sen dúbida a principal canle de participación é o Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, que se celebrará o domingo 23. “Temos máis de 8.000 euros en premios e subvencións nas distintas categorías”, lembrou Marcos Trigo, e para optar a eles só hai que inscribirse. No caso das comparsas e as carrozas o prazo remata o día 19, mentres que para o resto das categorías seguirá aberto ata unha hora antes do inicio do concurso. Podes consultar as bases máis abaixo.

A presentación do programa realizouse hoxe no Pazo da Cultura

A presentación do programa tivo lugar hoxe no Pazo da Cultura

Este ano teremos un atractivo máis: a presenza da regueifeira Lupe Blanco como presentadora e animadora do certame. E está, como dixo hoxe na presentación, encantada, “porque a regueifa _dixo_ é un xénero que se presta moitísimo para o Entroido”, e honrada, porque recolle o testemuño do seu bisavó e faino en Carballo, “nun dos entroidos máis recoñecidos da zona, no que se fai moito traballo, e no que tamén temos que integrar a nosa tradición. Penso que non vai haber fallo e que vai saír ben”, engadiu con optimismo.

Pero a cita do Domingo de Entroido é só un das moitas das que poderemos gozar nos vindeiros días. Obradoiros, foliadas, Enterro da Sardiña, charangas... e este ano tamén teremos un concurso en Instagram para que poidades gañar un premio por compartir os vosos disfraces nas redes sociais etiquetando a conta do Concello de Carballo, @carballomola. Haberá dúas categorías: infantil e adulta, e premios para as fotos que consigan máis “gústame” entre o 17 e o 27 de febreiro. Este ano o Entroido vén cargadiño. Podes descargar o programa un pouco máis abaixo.

Descargas

Compartir: