Inicio Áreas Cultura Novas As manifestacións culturais...

As manifestacións culturais máis sorprendentes e entretidas atopan acubillo este inverno na Biblioteca Rego da Balsa

Contacontos, concertos, Xornadas Guerrilleiras, clubs de lectura, cine euroárabe e obradoiros para todas as idades agárdante ata finais de marzo

Martes 21 de xaneiro do 2020

Os Ratos de Lonxedetodo visitan a Biblioteca os mércores

Os Ratos de Lonxedetodo visitan a Biblioteca os mércores

A Biblioteca Rego da Balsa volve a reinterpretar o concepto de biblioteca para ofrecernos un programa de actividades variadas, entretidas, participativas e mesmo sorprendentes. Durante todo o que queda do inverno, un feixe de propostas culturais para todas as idades atoparán acubillo no fermoso edificio branco dende o que, ademais de lectura e moita máis cultura, agárdante unhas vistas privilexiadas da concorrida skate-praza situada ao seu carón.

Para que desfrutes tanto fóra coma dentro, este inverno dende a Concellaría de Cultura creamos unha zona de confort á túa medida, porque, teñas a idade que teñas, temos actividades para ti.

Para os/as máis peques, os mércores chegan cargados de historias novas que contar (e ás veces cantar) os ratiños de Lonxedetodo. E este ano tamén van especialmente orientadas cara o público infantil as actividades das Xornadas Guerrilleiras, unha proposta da Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do CIM, que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que, arredor do 8 de marzo, achegaranos as actividades que figuran no cartel e moitas máis.

Para a rapazada un pouco máis maior, a Biblioteca Rego da Balsa acollera neste trimestre obradoiros de robótica e lectoescritura en francés, este último grazas á colaboración da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain, que ademais continúa co seu club de lectura en francés. Se che gusta ler e comentar as túas lecturas, ademais de facelo en francés podes facelo en galego ou en castelán no club de lectura da propia biblioteca, ao que podes unirte cando queiras.

Diego Vasallo (Foto: Eitb.eus)

Diego Vasallo (Foto: Eitb.eus)

Se o que che gusta é a música, tamén a temos. Volve o Curruncho Pop cos seus concertos para gozar en familia. E ollo ás primeiras propostas, porque o 15 de febreiro reuniremos a Huguette Periscal, Blues Chico & Maraya Zydeco nunha tarde-noite para a lembranza, e o 28 de marzo teremos na Biblio a todo un referente musical a nivel estatal: nin máis nin menos que o ex Duncan Dhu Diego Vasallo.

O público xuvenil e adulto ten moito que facer este inverno na Biblioteca Rego da Balsa, porque ademais dos concertos do Curruncho Pop, este mes continuamos co ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta, os xoves ás 20.30 horas e para maiores de 16 anos.

E tamén falaremos moito de tecnoloxía. Para maiores de 18 temos preparado un obradoiro sobre redes sociais, e para mamás e papás, outro sobre o manexo das tecnoloxías na infancia.

Bótalle unha ollada á programación detallada que atoparás máis abaixo e non esquezas reservar o teu convite para as actividades que o precisan. Por certo que todas son de balde.

Compartir: