Inicio Áreas Deporte Novas O Carballo Trail Race quenta motores...

REPRESENTANTES DO CONCELLO E DA A. D. MEDIA DUCIA PRESENTARON A PROBA

O Carballo Trail Race quenta motores para a edición que se disputará o vindeiro 2 de febreiro

O prazo de inscrición está aberto ata o 29 de xaneiro ou ata acadar o tope de 400 participantes

Xoves 9 de xaneiro do 2020

Techo Vales, Evencio Ferrero, Martina Tasende, Marcos Trigo e Manolo Bardanca

Techo Vales, Evencio Ferrero, Martina Tasende, Marcos Trigo e Manolo Bardanca

O Concello de Carballo e a Agrupación Deportiva Media Ducia organizan o Carballo Trail Race 2020, proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) por pistas e camiños non asfaltados na súa meirande parte e con dous trazados en competición de aproximadamente 11 e 30 quilómetros. A carreira, que se disputará o 2 de febreiro e en cuxa organización colabora a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, estará supervisada polo Comité de Xuíces da FGA.

As inscricións quedarán abertas ata o día 29 de xaneiro de 2020 ou ata acadar as 400 prazas. Poderanse formalizar na web www.carreirasgalegas.com; o prezo é de 6 € para o trail curto e 10 € para o trail longo.

O trail longo (30 km. e 900 metros de desnivel) sairá da praia de Razo e percorrerá a vía de acceso ao porto de Razo, Senda Pinos do Mar, lugar de Santa Mariña, cruce da estrada Razo-Aviño, subida a Monte Neme, cumio de Monte Neme, paso por debaixo da nova estrada Carballo-Malpica en Cances, cruce coa antiga estrada Carballo-Malpica en Cances, estrada DP 1908 nas antigas escolas de Cances e centro social, monte de Liñeiro, cruce DP1910 en Liñeiro, Monte de Vilanova, Muíño Rego de Liñeiro, Vilanova, A Constenla, Muíño da Torre, Ponte das Gargas, A Devesa, A Cepeira, Muíño do Quinto, cruce da rúa Fomento, rúa Río Anllóns, rúa Río Miño, San Martiño, cruce da rúa Milagrosa, paseo do Anllóns, rúa Vila de Negreira e meta na rúa Vila de Corcubión.

O trail curto e xuvenil (11 km. e 500 metros de desnivel) tamén terá saída na praia de Razo e seguirá o mesmo percorrido que o trail longo ata chegar á meta de Cances.

A organización disporá avituallamento sólido e líquido nos seguintes puntos do percorrido: km. 8, cumio de Monte Neme (líquido); km. 11, local social de Cances, meta do trail curto (líquido e sólido); km. 20, Muíño da Torre (líquido e sólido); km. 25, A Cepeira (líquido).

Presentación

A presentación realizouse na Casa do Concello

A presentación realizouse na Casa do Concello

A carreira presentouse na Casa do Concello, nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o técnico municipal de deportes, Manolo Varela Bardanca, e Martina Tasende e Techo Vales, da AD Media Ducia.

“Esta carreira, que cumpre a súa terceira edición, é un dos máximos expoñentes da colaboración entre a administración local e as numerosas entidades deportivas sen ánimo de lucro que hai no concello”, asegurou o técnico do Padroado Deportivo Manuel Varela Bardanca. Bardanca salientou a importante labor dos voluntarios na organización da proba: “Sen os cuantiosos medios persoais que ten Media Ducia sería imposible para a administración acometer un evento coma este con só medios propios”.

Logo de explicar polo miúdo todos os detalles técnicos da carreira, Techo Vales asegurou que o obxectivo de Media Ducia neste tipo de probas é “reducir a pegada ecolóxica no medio, polo que reutilizaremos as marcaxes de fitas de tela da edición anterior e seguiremos sen empregar ningún spray na sinalización nin en pedras nin nas árbores”. “Ademais”, engadiu, “este ano darémoslle como agasallo a cada participante un vaso de plástico reciclable para os avituallamentos”.

Vales destacou a importancia que ten o Trail para o medio ambiente: “No recoñecemento previo do tratado limpáronse vertedoiros e rescatáronse camiños que estaban en desuso, o cal é especialmente satisfactorio para nós: ver que por eses camiños que recuperamos agora a xente circula habitualmente por eles”.

Malia que a proba ten unha curta historia, o representante de Media Ducia asegurou que xa ten importancia no circuíto galego: “Veñen corredores de todas as provincias galegas, aínda que son os atletas dos concellos da Costa da Morte os que máis se involucran”. Sobre os prezos da inscrición declarou: “Son moi populares, máis que noutras carreiras similares e tendo en conta que disporemos de autobuses para trasladar aos corredores a Razo e daremos avituallamentos e agasallos”.

Marcos Trigo animou á xente a que se inscriba “nunha proba que se vai consolidando no calendario galego”. O concelleiro tivo tamén palabras de agradecemento “para toda a xente da área de deportes do Concello implicada na organización e tamén a Asociación Deportiva Media Ducia, que traballa arreo para que esta proba se leve a cabo”.

Evencio Ferrero fixo referencia tamén ó labor de Media Ducia, “sempre disposta a seguir colaborando en eventos que acaban por ser referentes a nivel non só de Carballo senón de toda a Costa da Morte”. “Sen esa implicación”, dixo o alcalde, “sería impensable que puidésemos acometer este tipo de eventos ou ter unha programación tan ampla como a que se pretende desde o departamento de deporte municipal”.

Descargas

Compartir: