Inicio Áreas Deporte Novas A Asociación de Axuda a Nenos...

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia contará un ano máis coa solidariedade do deporte carballés

Presentada a sexta edición do Torneo de Pádel Solidario Concello de Carballo, que se celebrará do 29 de novembro ao 8 de decembro en “miclub”

Martes 26 de novembro do 2019

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) contará, un ano máis, coa solidariedade do deporte carballés. Do 29 de novembro ao 8 de decembro disputarase o VI Torneo de Pádel Solidario Concello de Carballo, organizado por miclub para recadar fondos e facilitar o gran labor social que desenvolve Asanog.

Catro son as categorías da competición: masculina (1a, 2a, 3a , 4a e iniciación), feminina ( 1a, 2a e 3a), mixta (1a, 2a e 3a) e menores (cadro único). Os organizadores esperan superar o número de parellas inscritas da pasada edición, arredor dun cento.

A inscrición estará aberta ata o 28 de novembro ás 22 horas e pódese realizar a través dos teléfonos 619 688 822 e 981 732 954, na web mistorneosonline ou, presencialmente, nas instalacións de miclub pádel & amigos. A cota vai dos  18 aos 48 € e inclúe seguro, camiseta e unha rifa para un sorteo. Ademais, dado o carácter solidario da competición, hai unha fila 0 na conta de La Caixa ES6121001453210200259900.

Presentación

O torneo presentouse está mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures; o xerente de miclub, Manuel Pallas, e o secretario e unha das vogais de Asanog, César Sobrino e Lorena Collazo.

Trigo agradeceulle a Asanog e a miclub “esta iniciativa por axudar aos que padecen esta enfermidade, que se fai se cadra máis dura nestas datas do ano e, seguro, moito máis terrible cando afecta aos nenos”. “Por is”, engadiu, “nós sempre quixemos colaborar co torneo, para o que animamos a todos afeccionados que se inscriban e participen”.

Logo de debullar o sistema e as categorías da competición, Manuel Pallas lembrou o carácter solidario do evento: “Quixemos darlle a oportunidade de xogar a canta máis xente mellor; non esquezamos que do que se trata é de, practicando o deporte que nos gusta, recadar o máis posible para Asanog, que me consta que está traballando fenomenal”. Pallas agradeceu a colaboración do Concello e de todos os patrocinadores, “en especial de Caixa Bank, que hoxe non pode estar aquí pero que é o principal patrocinador deste evento”.

“O torneo -salientou César Sobrino- é un dos eventos deportivos ao noso favor máis importantes e máis antigos e duradeiros: se empezamos a nosa actividade en 2013, en 2014 xa se celebrou a primeira edición do Pádel Solidario Concello de Carballo”. “Grazas a eventos como este –afirmou- fomos medrando ata ser declarados este ano asociación de utilidade pública, o que nos anima a seguir traballando con máis ganas para axudar aos nenos e ás súas familias”.

Evencio Ferrero felicitou a Asanog polo “seu breve percorrido, pero intenso”, e a miclub “polo carácter solidario que quere arrastra a iniciativa. Eu sempre digo –engadiu- que Carballo é un Concello solidario e que a xente de Carballo é xente solidaria; así que desde aquí só me queda facer un chamamento para que esta sexta edición volva a ser outro éxito, para que veñan máis e para que cada vez teñamos máis capacidade de aportarlle recursos a asociacións exemplares como é Asanog”.

Compartir: