Inicio Áreas Cultura Novas Arranca unha nova edición de...

Arranca unha nova edición de Novembro con Música, que pon o acento máis que nunca nas agrupacións locais

A programación da Concellaría de Cultura compleméntase con teatro, exposicións e actividades arredor do 25N

Venres 8 de novembro do 2019

Este Novembro con Música será máis carballés que nunca. As agrupacións locais acaparan todo o protagonismo a través de actividades como o concerto Live in Cances da noite pasada, o encontro de corais de Santa Cecilia que se celebrará o día 23 ou a tradicional actuación da Banda Municipal de Música prevista para o 29, pero, sobre todo, a través do concerto de música tradicional Sons de Aquí, que o sábado 16 reunirá ás agrupacións Xoldreira de Nemeth, San Campio de Cances, Escola do Alprende de Oza, O Candil de Sísamo, Argazo de Baldaio, Arume de Verdillo, Banda Municipal de Gaitas e Coro Aires de Bergantiños.

As agrupacións carballesas e a Concellaría de Cultura unen esforzos para volver a converter novembro no mes da música. Pero, ademais de todas as actuacións que aparecen detalladas no programa que atoparás máis abaixo, este tamén é o mes do teatro. Este sábado 9 arrinca en Cances o ciclo Teatro en Ruta, que levará á compañía Vagalume Animación por seis centros sociais doutras tantas parroquias. E, ademais, o venres 22 recibiremos no Pazo da Cultura á agrupación Butaca Zero coa montaxe “Despois das ondas”, unha viaxe pola vida de María Casares.

A muller e a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia Machista, o 25N, tamén están presentes na programación cultural a través de iniciativas coma a exposición “Xeitos de ver. Construíndo masculinidades positivas”, que poderá verse no andar 0 do Pazo da Cultura a partir do día 20 e que se complementará coa programación da Concellaría de Igualdade. E, falando de exposicións, teremos outras dúas absolutamente recomendables: a partir do día 11, a das obras seleccionadas no XIII Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, no andar -1, e a partir do día 28, a interesantísima “Unha mirada de antano”, coas fotografías realizadas por Ruth Matilda Anderson en Galicia.

Bota unha ollada ao programa e participa!

Compartir: