Inicio Áreas Cultura Novas A Biblioteca Municipal Rego da Balsa...

A Biblioteca Municipal Rego da Balsa celebra o seu quinto aniversario ás portas de entregar o carné número 5.000

Aproveitando a conmemoración, que coincide co Día Internacional da Biblioteca, cada préstamo será recompensado cun agasallo durante a xornada do xoves 24

Mércores 23 de outubro do 2019

En Carballo sempre festexamos por partida dobre o Día Internacional da Biblioteca, porque o 24 de outubro tamén é o aniversario da Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Mañá, polo tanto, cumpre cinco aniños, e para celebralo queremos agradecer a fidelidade dos/as nosos/as usuarios/as, que nos converten nunha das primeiras de Galicia en numero de usuarios/as activos/as, entregando un agasallo por cada préstamo que realicemos ao longo da xornada.

Aínda que mañá é o día dese dobre aniversario, a verdade é que xa levamos toda esta semana de celebración cun programa de actividades que, ademais de fomentar o hábito da lectura, tamén nos axudan a traballar na sensibilización a prol da igualdade. Arrincamos onte coa sesión de ilusionismo “Somos iguais na maxia”, continuaremos hoxe falando de “Mulleres astrónomas” e escoitando a dúas mulleres escritoras que teñen moito que dicir, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial, e remataremos mañá cun obradoiro sobre diversidade sexual na adolescencia no que contaremos cun grupo de alumnos/as de secundaria e coa autora Eli Ríos.

E, por se fora pouco, neste quinto aniversario estamos a piques de entregar o carné de socio/a número 5.000 da Biblioteca Rego da Balsa. Quédannos moi pouquiños para chegar, e á persoa afortunada témoslle preparada unha sorpresa moi especial cargada de “esencia perenne”. Serás ti?

Compartir: