Inicio Áreas Cultura Novas Carballo acolle esta fin de semana a...

Carballo acolle esta fin de semana a estrea absoluta de "Medida x Medida", a nova coprodución do FIOT

Quico Cadaval e Producións Teatrais Excéntricas volven a colaborar co festival

Mércores 2 de outubro do 2019

O Festival Internacional Outono de Teatro presentou esta mañá no Pazo da Cultura a estrea absoluta da obra Medida x Medida, unha coprodución de Producións Teatrais Excéntricas e o FIOT, baseada nun texto de Shakespeare, que celebrará as súas dúas primeiras funcións este venres e sábado, ás 21.00 e 20.30 horas, respectivamente.

Na rolda de prensa de presentación participaron o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o director da montaxe, Quico Cadaval; e o reparto, conformado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.

Alberto Sueiro deulle a benvida a todo o elenco e equipo técnico da compañía: “Son todos vellos coñecidos do FIOT, onde estamos encantados de darlle cabida outra vez máis a unha nova coprodución con Excéntricas”. “O noso festival”, engadiu, “debe felicitarse por servir de albergue desta nosa primeira adaptación á escena dunha obra de Shakespeare; con ela cumprimos a nosa función de panca, de ferramenta no sector teatral de Producións Teatrais Excéntricas Galicia para que haxa espazos para a exhibición”.

Para Jacobo Sutil, “o nacemento dunha obra nova sempre é moi importante para o desenvolvemento do noso sistema teatral. Con esta nova montaxe, Excéntricas volve, despois de Carpe diem e Cabeza do dragón, a un rexistro que a compañía xa visitara, a obra de Shakespeare, todo tratado a través da peneira do talentoso Quico Cadaval e dun magnífico elenco que leva anos demostrando a súa profesionalidade”. O director de AGADIC explicou que a Xunta de Galicia participa na montaxe coas súas axudas á creación escénica e salientou tamén o protagonismo do FIOT, “non só polo papel que ten na exhibición e encontro co público, ademais do fomento de novos espectadores, senón pola súa implicación en coproducións tan importantes como a que se estreará pasado mañá en Carballo”. “Por todo iso”, rematou, “o FIOT é dos festivais teatrais máis importantes que temos en Galicia”.

“É unha honra contar como un festival como o FIOT que ten múltiples caras (a Rúa dos contos, o Fiotiño, o Teatro na rúa... ) e que ademais participa de producións da relevancio que ten a que hoxe presentamos”, asegurou Marcos Trigo. “Para Carballo, Quico Cadaval é un referente, o que asegura que esta estrea vai contar con moito público; o elenco é fantástico e ademais inclúe unha importante representación da comarca”. O concelleiro de Cultura desexoulle moita sorte á compañía para a estrea de esta fin de semana e moitos éxitos nas representacións futuras.

Nunha divertidísima intervención salpicada de bromas, Cadaval afirmou: “Non se debe considerar un acto culturalista montar unha obra de Shakespeare, senón un acto para atoparse co público”. Sobre Medida x Medida comentou: “Durante 300 anos discutiuse se o texto era unha comedia, un drama, un melodrama ou unha traxedia, e ese carácter onde o horror e o riso se mesturan pois é unha cousa que nos interesou a min persoalmente pero tamén á boa parte da compañía; e ademais ese carácter do que falo está latente no traballo desenvolvido hai anos por dous dos nosos actores, Evaristo Calvo y Víctor Mosqueira, quen co dúo cómico Mofa e Befa rescataron, ou mesmo inventaron, unha maneira de ver o teatro que impregna e marca esta montaxe: un Shakespeare máis canónico, afastado daquel Shakespeare para ignorantes que fixemos hai anos”.

A actriz Melania Cruz, nova no elenco de Excéntricas, explicou o por que da elección deste texto: “É una obra polémica que, no canto de dar respostas ofrece moitas preguntas; se o espectador vén buscando respostas, hai moitas que non vai atopar. Esta peza fala de situacións e comportamentos humanos ás veces moi extremos, por iso se o espectador está disposto a facerse preguntas e a cuestionar esas situacións, vai gozar moito da obra”.

Logo da presentación, o elenco ofreceu un pequeno pase de mostra de algúns momentos destacados da montaxe, coa que Producións Teatrais Excéntricas celebra su 15º aniversario e que a compañía quere dedicar a Xoán Cejudo, “porque desta obra xa nos falou hai máis de trinta anos e sobre todo porque moitas das cousas que nós facemos proceden do seu maxisterio e da sua inspiración”, afirmou Cadaval.

Compartir: