Inicio Áreas Deporte Novas Carballo acolle esta fin de semana unha...

SÁBADO 28, NO CIRCUÍTO MUNICIPAL

Carballo acolle esta fin de semana unha carreira decisiva para o Campionato Galego de Autocross

O alcalde, o concelleiro de Deporte e o presidente da escudería Máis Motor presentaron a proba

Venres 27 de setembro do 2019

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Juan Puga presentaron o cartel

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Juan Puga presentaron o cartel

O Circuíto Municipal de Bértoa acolle este sábado, 28 de setembro, o 12° Autocross Carballo, terceira carreira do campionato autonómico, na que se darán cita 46 pilotos: 17 na Clase 1 (ata 1600 c.c.), 12 na Clase 2 (máis de 1600 c.c.) e 17 na Clase 3 (carcross).

Logo do descanso estival, a proba  -organizada pola Escudería local Máis Motor e pola Federación Galega de Automobilismo en colaboración co Concello, entre outras institucións- ten especial interese xa que podería coroar novos campións galegos: a Bértoa chegan con posibilidades matemáticas Alejandro Mallo, na Clase 1, e o carballés Daniel Castro, na Clase 2, mentres que na categoría reina, carcross, a clasificación está moito máis igualada, con Joaquín Chamorro, que defende título, como gran dominador pero seguido moi de cerca por Javier Ramilo e Antón Muíños.

Precisamente a Clase 3 será a que despertará, unha vez máis, a maior expectación por ter unha grella na que comparecerá un bo número de condutores locais, como Alberto Lorenzo, Maikel Vilariño, Daniel Mariño e Daniel Vázquez.

Presentación

A carreira presentouse nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o presidente de Máis Motor, Juan Puga. “Este ano”, dixo Trigo, “cúmprense dez anos desde que se retomou a actividade no circuíto de Bértoa e, pola labor desenvolvida durante todo este tempo, quero darlle os parabéns a Máis Motor, pois non é doado facer cada tempada tan bo traballo e ilo mellorando campaña tras campaña para que a nosa comarca e toda toda a provincia da Coruña sexan un referente do autrocross a nivel do estado”.

A presentación tivo lugar na Casa do Concello

A presentación tivo lugar na Casa do Concello

Logo de debullar polo miúdo o programa de competición e agradecerlle ao Concello de Carballo a colaboración na organización da proba, Juan Puga explicou por que este ano a inscrición é un pouco máis baixa que en anteriores edicións: “É normal, os condutores están máis animados a principios de temporada e logo xa vai dependendo de condicionantes económicos particulares ou do estado dos coches a estas alturas; tamén cadrou que nestas mesmas datas se disputa en Talavera de la Reina unha proba do campionato de España na que estarán pilotos habituais no galego, como Javier Ramilo”. “A nosa idea”, engadiu, “foi non coincidir, pero adiar a proba de Bértoa ao mes de novembro, o menos cargado do calendario, era un risco: xa anoitece moito máis cedo e a meteoroloxía soe acompañar moito menos”. “En calquera caso”, rematou, “que se dean cita en Carballo case cincuenta pilotos é unha boa noticia; e aínda que as inscricións están pechadas, ata as cinco da tarde de hoxe atenderiamos peticións de última hora”.

Evencio Ferrero tamén lle agradeceu a Máis Motor o traballo que está a facer de promoción do autocross: “Grazas a ese traballo é posible que no Circuíto Municipal de Bértoa se celebren carreiras do calendario galego e mesmo do nacional; que este sábado se dispute o duodécimo autocross de Carballo é un indicador de que hai continuidade, porque organizar unha proba, nun momento puntual, é relativamente fácil, pero consolidala no tempo é o que realmente merece o recoñecemento a Máis Motor”. “O circuíto municipal”, afirmou, “sempre responde ás necesidades da pilotaxe e ás necesidades dunha proba e dun campionato coma este; así que só me queda desexar que a xente que teña oportunidade de ir ata Bértoa que goce dun espectáculo de calidade e de rivalidade tamén”.

Horarios

Descargas



Galería

Compartir: