Inicio Áreas Deporte Novas Todo listo para o inicio das obras do...

Todo listo para o inicio das obras do novo graderío e ampliación dos vestiarios do campo de fútbol das Eiroas

O alcalde achegouse ata o complexo deportivo para asinar a acta previa ao desenvolvemento do proxecto, no que investiremos máis de 450.000 euros

Martes 10 de setembro do 2019

Alcalde e técnicos, no campo das Eiroas

Alcalde e técnicos, no campo das Eiroas

O alcalde, Evencio Ferrero, achegouse ata complexo deportivo das Eiroas para asinar a acta previa ao inicio do traballos de construción dunha nova zona de gradas e de ampliación e reforma dos vestiarios. Técnicos municipais e da empresa adxudicataria e dirección de obra revisaron o proxecto sobre o terreo. As obras foron adxudicadas por 453.725,80 euros á empresa carballesa Covisam Norte S.L. O prazo de execución é de seis meses.

Un dos obxectivos da actuación é a renovación, actualización e equipamento dos vestiarios, ademais da súa ampliación ocupando o actual corredor de acceso. Aproveitarase para modificar o sistema de produción de auga quente e calefacción trasladando a caldeira actual ao cuarto de instalacións dos vestiarios do campo auxiliar, o que permitirá acondicionar un segundo vestiario de árbitros, necesario cando os equipos arbitrais están compostos por homes e mulleres.

Recreación da grada

Recreación da grada

A segunda gran actuación é a construción, no fondo norte, dunha nova grada cuberta con capacidade para 300 espectadores, o que implicará desmontar o peche actual nesa zona, trasladar o vídeo-marcador e demoler a conserxaría. A grada será de formigón con asentos de plástico de cores, predominando o azul e o granate da uniformidade do Bergantiños, principal usuario da instalación. A fachada da zona norte terá unha nova imaxe, cunha nova conserxaría integrada baixo unha cuberta de formigón armado que cubrirá todo o acceso ao estadio.

O proxecto inclúe un terceiro obxectivo: a urbanización exterior do viario, que se desprazará cara ao norte, acaroado ao peche do parque de bombeiros para gañar espazo para o peón mediante plataforma única e xerar unha zona auxiliar de aparcamento.

Compartir: