Inicio Áreas Deporte Novas As subvencións directas do...

As subvencións directas do Concello de Carballo ás entidades deportivas baten un novo récord con case 180.000 euros

A Concellaría de Deporte apoia tamén a práctica do deporte cedendo ás asociacións e clubs un total de 19 instalacións e subvencionando o seu uso ao 100%

Xoves 29 de agosto do 2019

Pavillón do IES Parga Pondal, no que vimos de instalar novo pavimento e canastras elevables ao teito

Pavillón do IES Parga Pondal, no que vimos de instalar novo pavimento e canastras elevables ao teito

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión ordinaria a concesión de subvencións por importe de 109.337,47 euros para as entidades deportivas do noso concello, acadando deste xeito unha cifra récord destinada a apoiar a actividade que desenvolven clubs e asociacións ao longo do ano, posto que consideramos que o asociacionismo deportivo é un piar básico para acadar un sistema deportivo máis participativo, amplo e diversificado.

Esa cantidade, outorgada a través de procedementos en concorrencia competitiva, permite financiar un total de 30 proxectos a través das convocatorias de axudas para a actividade xeral durante a tempada, a organización de eventos deportivos e a participación en fases de ascenso e/ou campionatos de España.

En concreto, tal como figura nos documentos anexos, a Concellaría de Deporte destina 92.000 euros para subvencionar a actividade xeral de 15 entidades, financia con 10.000 euros 10 proxectos de eventos deportivos presentados por 9 entidades, e con 7.337,47 euros apoia a participación de catro entidades en fases de ascenso e/ou campionatos de España. As contías outórganse en función dunha serie de criterios establecidos nas bases, e permiten cubrir unha porcentaxe de ata o 100% dos orzamentos e gastos.

A estas liñas de axudas hai que engadir as subvencións nominativas previstas no orzamento municipal cun total de 70.000 euros para 9 entidades e outros tantos eventos.

Pero a maiores de todos estes proxectos deportivos promovidos polas entidades do noso concello e apoiados con axudas económicas directas, desde a Concellaría de Deporte tamén se está a impulsar a actividade deportiva facilitando a utilización das instalacións de xestión municipal sen ningún tipo de contrapartida económica. O Concello de Carballo ten a disposición das entidades 8 pavillóns, 4 ximnasios, tres campos de fútbol e dúas piscinas climatizadas.

  1. Complexo deportivo Vila de Noia: pavillón, ximnasio e piscina.
  2. Complexo deportivo Carballo Calero: pavillón, ximnasio e piscina
  3. Completo deportivo As Eiroas (Bértoa): campos de fútbol principal e anexo
  4. Campo de fútbol O Carral (Sofán)
  5. Campo de fútbol As Pedreiras (Berdillo)
  6. Campo de fútbol CEIP Gándara-Sofán
  7. Pavillón CEIP Gándara-Sofán
  8. Pavillón IES Parga Pondal
  9. Pavillón IES Monte Neme
  10. Pavillón CEIP Fogar
  11. Pavillón CEIP Xesús San Luís Romero
  12. Ximnasio CEIP Xesús San Luís Romero
  13. Pavillón CEIP Nétoma-Razo
  14. Ximnasio IES Alfredo Brañas

O uso de todas estas instalacións por parte das entidades está cuantificado nun valor económico de 480.000 euros, bonificados ao 100% por parte do Concello de Carballo, que considera a promoción do deporte como un dos obxectivos prioritarios da xestión municipal.

Descargas

Compartir: