Inicio Áreas Deporte Novas Carballo, sede do Campionato de...

O VENRES HABERÁ TALLERES GRATUÍTOS DA CAMPAÑA “STOP AHOGADOS”

Carballo, sede do Campionato de España de salvamento e socorrismo por comunidades autónomas

Un cento de deportistas de nove comunidades competirán esta fin de semana na piscina Carballo Calero e na praia de Razo

Mércores 28 de agosto do 2019

A piscina Carballo Calero, o 31 de agosto, e a praia de Razo, o 1 de setembro, acollen esta fin de semana o XXVII Campionato de España de salvamento e socorrismo por comunidades autónomas, no que se darán cita case un cento de deportistas de 9 equipos: Galicia, Murcia, Cataluña, Castela e León, Madrid, Cantabria, Canarias, Valencia e Castela A Mancha. No combinado galego estará o carballés do Sysca Adrián Rodríguez.

Como actividade paralela, o venres, de 10 a 14 horas, na piscina Carballo Calero, impartiranse tres talleres abertos ao público, gratuítos, dentro da campaña “Stop ahogados”, accións conxuntas de prevención, para evitar afogamentos e lesións en espazos naturais e instalacións deportivas, promovidas por Cruz Vermella e a Federación Española de Salvamento e Socorrismo. A organización, coa que colaboran o Concello de Carballo e o Sysca, tamén convidará a todas as entidades deportivas do concello a que sumen aos obradoiros, que tratarán sobre RCP, prevención e material de rescate e protocolo de actuación ante unha emerxencia.

Presentación

Na presentación do campionato, que tivo lugar hoxe na Casa do Concello, participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o director deportivo da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), o carballés Queco Quintela; e a presidenta da Fessga, Nuria Rodríguez.

Marcos Trigo agradeceu á Federación Galega “a súa confianza e que pensasen en Carballo, e tamén no Sysca, para a celebración e organización do campionato”. O concelleiro animou tamén a todos os carballeses para que se acheguen durante a fin de semana á piscina e á praia para presenciar as probas, “que seguro que serán espectaculares porque competirán os mellores deportistas do Estado”.

“Hai un ano -lembrou Nuria Rodríguez- Carballo compartiu sede deste campionato con Dumbría, pero daquela prometemos que volveríamos con todo aquí e o sábado estaremos na piscina e domingo na praia”. Rodríguez confirmou a incorporación de dúas novas seleccións, as de Murcia e Cataluña, con respecto aos participantes na pasada edición.

A presidenta da Fessga explicou o bo momento que vive o salvamento deportivo na nosa comunidade: “Acabamos de coñecer que na preselección do equipo español que disputará os mundiais de Sudáfrica están 7 socorristas galegos entre as seleccións júnior e absoluta”. Rodríguez dixo “só esperar que nos acompañe o bo tempo e que veñan ondas, moitas ondas, e todo o que queren os deportistas”. Tamén agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e do Sysca, “un dos clubs máis veteranos da nosa entidade e que está sempre apoiándonos con todo”.

A presidenta da Fessga e o alcalde

A presidenta da Fessga e o alcalde

En relación coa previsión meteorolóxica, Queco Quintela comentou: “O problema é que estes días hai mareas vivas; temos catro e pico de marea e a ver se non se nos bota o mar fóra. É certo que hai moitos deportistas moi experimentados, son os mellores das súas comunidades, e non debería haber moito problema, sempre tomando todas as precaucións; vai ser moi complicada a organización o domingo en Razo, pero confiamos en que todo saia perfecto: falamos de salvamento e hai que estar ás duras e ás maduras”. Sobre o campionato, afirmou: “Era un campionato que estaba esquecido, pero recuperámolo o ano pasado con gran éxito e, como dixo antes Nuria, nesta edición pasamos de sete seleccións a nove e a un cento de deportistas. Creo que é unha competición moi chula porque, despois de todo, participan os mellores socorristas de cada comunidade”.

“Nós sempre temos o criterio de que as instalacións deportivas municipais están para fomentar o deporte e, neste caso, colaborar cos clubs de salvamento e socorrismo para que Carballo, Razo e todo o noso litoral e as nosas piscinas sexan un referente”, afirmou Evencio Ferrero. “Un campionato de España –engadiu- é unha boa oportunidade para seguir demostrando ese compromiso co deporte”.

Descargas

Compartir: