Inicio Áreas Deporte Novas As 12 horas BTT Carballo celebran o seu...

As 12 horas BTT Carballo celebran o seu décimo aniversario cunha cifra récord de 251 participantes

Representantes da asociación Media Ducia e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, presentaron o cartel da espectacular proba deportiva

Xoves 11 de xullo do 2019

Este ano celébrase a décima edición das 12 horas BTT Carballo e bátese un récord de participación, cun total de 251 deportistas dispostos e dispostas a ir a por todas o vindeiro día 20. “Non é unha proba moi complicada e gústalle moito á xente”, asegurou na presentación do cartel Ricardo Tomé, de Media Ducia. A entidade deportiva carballesa encárgase un ano máis da organización coa colaboración do Concello de Carballo, que estivo representado polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Este ano hai novidades, e unha delas é o circuíto, que varía. As previsións meteorolóxicas son boas e prevese un bonito espectáculo para o público, que ademais poderá desfrutar da proba en familia porque haberá xogos inchables para os pequenos da casa. “Animamos a todo o mundo a que veña”, insistiu Ricardo Tomé, que tamén destacou o alto nivel dos participantes. “Ademais de bater o récord de participación contamos con xente como Víctor Gende, do club Monteneme, ou Mar Delgado, de Betanzos, que é campioa de Europa de BTT Orientación. Estamos moi contentos e intentamos que isto vaia para adiante, con moito esforzo, pero cada ano vemos que a xente responde e nos acompaña”, engadiu.

As 12 horas BTT arrincarán ás 09.00 horas do día 20. A proba disputarase por relevos nun circuíto de 10 quilómetros no polígono de Bértoa. O regulamento e todos os detalles da competición poden consultarse na seguinte ligazón.

Ligazóns

Compartir: