Inicio Áreas Deporte Novas O 11º Autocross Carballo bate o...

SÁBADO 6 E DOMINGO 7 DE XULLO

O 11º Autocross Carballo bate o récord de participación do Campionato de España con 110 pilotos

O Circuíto Municipal de Bértoa, un dos mellores do Estado, acollerá a quinta das oito probas da competición

Venres 5 de xullo do 2019

O Circuíto Municipal de Bértoa converterase esta fin de semana na capital do autocross coa disputa do 11° Autocross Carballo, quinta das oito probas do Campionato de España da especialidade, organizada un ano máis pola Escudería Coruña en colaboración co Concello de Carballo, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e Deporte Galego. E farao cun récord histórico de participación no que vai de temporada con 110 condutores inscritos (5 delas mulleres), que loitarán pola vitoria nas seis categorías da competición: 11 na División I, 26 na División II (dos/as que 10 correrán na Off Road Series), 8 na División III, 8 en JR Car Cross,  43 en Car Cross e 14 na División Car Cross Promoción.

Na Casa do Concello de Carballo tivo lugar a presentación oficial do campionato, na que participaron  o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; Ernesto Rumbo, director de pista e membro do comité organizador; Juan Andrés Fernández, director de carreira e Laura Lista, piloto de JR Car Cross, de 16 anos de idade, natural de Arteixo e descendente dunha familia moi ligada ao mundo do motor.

Durante a súa intervención, Juan Andrés Fernández agradeceu a implicación e o esforzo do Concello de Carballo na celebración da carreira ao tempo que destacou o apoio obtido desde o goberno municipal “converténdonos nunha gran familia no mundo do autocross”. Ernesto Rumbo, que recibiu os parabéns de todos os asistentes polo 50º aniversario da Escudería Coruña,  tamén expresou a súa gratitude ao consistorio “por apostar polo deporte de motor recuperando o circuíto de Bértoa ata convertelo nun dos mellores de España e o que maior número de pilotos vai albergar no que vai de temporada”. Así mesmo, destacou a longa tradición existente na comarca facendo alusión ás antigas carreiras de motocross que se disputaban no Campo da Feira de Carballo ou as de Pedras Brancas.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo lembrou que “a boa relación existente entre a Escudería Coruña e o Concello xorde ante a necesidade de poñer en valor un espazo que estaba degradado e sen utilidade co obxectivo de darlle a función que está a desenvolver hoxe en día como un referente a nivel estatal, xunto co de Arteixo”.  Neste senso, Evencio Ferrero tamén quixo destacar o apoio dos patrocinadores, a capacidade organizativa e a masiva resposta do público como impulsores do evento e responsables de que, ano tras ano, Carballo continúe sendo sede do campionato. Ademais, engadiu que “o goberno municipal continuará apostando polo deporte de motor e mellorando o circuíto de Bértoa, para o que está destinado unha inversión nos orzamentos de 2020, así como para outras instalacións deportivas municipais situándonos como o concello do Estado que máis inviste en deporte”.

O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, agradeceu á Escudería Coruña a súa confianza e aposta no circuíto carballés para a realización desta proba do campionato de España, que cualificou como “a mellor de todo o Estado e a que logrou reunir ao maior número de pilotos no que vai de temporada con presenza de condutores nacionais e internacionais”. Finalmente, animou ao público a asistir ao circuíto e desfrutar dunha nova edición da competición “sen incidentes e con grandes éxitos deportivos”.

A piloto arteixá de JR Car Cross, Laura Lista (Escudería Coruña), asegurou chegar a Carballo “coa intención, sobre todo, de divertirme e loitar por intentar lograr un 4º posto na clasificación final e acabar ben a temporada”. Descendente dunha familia moi ligada ao mundo do motor será unha das cinco condutoras que participarán no 11º Autocross Carballo.  Moita sorte a todos/as!

A competición

  • O Pazo da Cultura acolleu o primeiro briefing de pilotos e as primeiras verificacións técnicas, que continuarán o sábado 6, a partir das 14:00 horas, no Circuíto Municipal de Bértoa.
  • O mellor dará comezo o sábado á tarde coa disputa das mangas clasificatorias. A primeira arrincará ás 16.30 horas mentres que a segunda terá lugar ás 18.45 horas.
  • Para ver a terceira das rondas de clasificación haberá que agardar ao domingo 7, ás 9.00 horas. Pouco antes das 11 da mañá darán comezo as esperadas finais. A primeira será a final C Car Cross (10:48h), seguida da final B División II (11:55h) e final B Car Cross (12:10h). Desde as 12:25 horas celebraranse as finais A das diferentes categorías e as correspondentes entregas de trofeos aos gañadores/as.
  • Este ano, ademais, os/as amantes da competición, que non poidan presenciar en directo as carreiras, poderán seguir minuto a minuto a competición por streaming.  

Ligazóns

Compartir: