Inicio Áreas Deporte Novas O Torneo 3x3 Carballo reunirá...

O Torneo 3x3 Carballo reunirá esta fin de semana a máis de 200 xogadores e xogadoras de 53 equipos de hóckey a patíns

Representantes da Escola Lubiáns e do Concello presentaron a terceira edición da competición

Mércores 26 de xuño do 2019

Marcos Trigo, José Tato, Evencio Ferrero e Manuel Ruibal, na presentación

Marcos Trigo, José Tato, Evencio Ferrero e Manuel Ruibal, na presentación

229 xogadores/as de 53 equipos das categorías, sub 12, sub 14, sub 17, feminina, absoluta, veteranos, pro e mixta participan desde este venres ata o domingo na terceira edición do Torneo 3x3 Carballo de hóckey a patíns, unha iniciativa da Escola Lubiáns que conta coa colaboración do Concello. O pavillón Carballo Calero volverá a ser o escenario dun moi dinámico formato de competición no que se enfrontan equipos formados por dous xogadores e un porteiro, e que nas dúas edicións disputadas foi un éxito para o club carballés e un atractivo espectáculo para todas as persoas que se achegaron ao polideportivo carballés.

Manuel Ruibal e José Tato, en representación da Escola Lubiáns, e Evencio Ferrero e Marcos Trigo, por parte do Concello de Carballo, deron a coñecer hoxe o programa do torneo, no que ademais de deporte fomentarase a convivencia entre os/as participantes e desenvolveranse diferentes actividades. Animación, inchables, música... e outras propostas encherán o tempo de ocio dos/as deportistas, que terán á súa disposición unha zona de acampada no CEIP Bergantiños.

A Escola Lubiáns agradeceu o apoio do Concello de Carballo e das entidades públicas e privadas que fan posible esta terceira edición do 3x3. Despois do parón do ano pasado, o club agarda que este 2019 sexa o ano de consolidación do torneo, que ten como unha das súas particularidades o feito de que reúne a deportistas de varias xeracións. Este ano o máis novo ten 8 anos e o maior supera os 45.

O alcalde, pola súa banda, felicitou ao club polo traballo que está a facer e engadiu que con este tipo de iniciativas non só reforza a súa presenza en Carballo, senón que se converte nun referente “en toda a comarca de Bergantiños”. Evencio Ferrero destacou especialmente que, grazas ao labor que desenvolven entidades como Escola Lubiáns, o deporte está a experimentar un crecemento “espectacular” nos últimos anos, convertendo ao noso concello nun exemplo para toda Galicia.

O acto oficial de apertura do 3x3 Carballo está previsto para o venres ás 17.45 horas. Ás 18.00 comezarán os partidos: 160 en total. O calendario podedes consultalo na web do evento. Deixámosche a ligazón máis abaixo.

Ligazóns



Galería

Compartir: