Inicio Áreas Cultura Novas O San Xoán empodera á...

DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA DAS FESTAS

O San Xoán empodera á muller co cartel, cunha pregoeira de luxo e cunha campaña paralela contra a violencia sexual

Sonia Méndez, directora do Festival Carballo Interplay, abrirá a Semana Grande Carballo co seu pregón o venres 21 de xuño

Venres 31 de maio do 2019

O Pazo da Cultura acolleu a presentación do San Xoán 2019

O Pazo da Cultura acolleu a presentación do San Xoán 2019

O San Xoán que nos espera ten elementos que o distinguen de calquera outra festa. Empezando xa polo cartel, que a comisión presentou hoxe xunto co programa completo da Semana Grande de Carballo. O seu autor é Cervo, un mozo da parroquia de Oza, estudante de Ilustración, que presenta unha proposta “cargada de simbolismo, que representa o empoderamento das avoas e que é completamente diferente aos carteis dos últimos anos”, tal como destacou a concelleira de Festas, Mar Eirís.

Belén Enríquez e Cervo

Belén Enríquez e Cervo

Xunto a ela estiveron a presidenta, María José Souto, e varios membros da comisión de festas; o alcalde, Evencio Ferrero, e a empresaria Belén Enríquez, que patrocina a través de Opticalia Enríquez o premio de 450 euros correspondente ao concurso do cartel. O seu autor, que tivo moita competencia pero que convenceu ao xurado cun deseño “rompedor”, quixo personificar nunha avoa, convertida en superheroína, “todo o traballo que hai detrás do San Xoán, os preparativos, o xantar, as sardiñas, ter todo a punto... require moito esforzo e ás veces non se considera”, explicou o propio Cervo.

A presidenta da comisión foi a encargada de desvelar o programa, que podedes descargar ao final desta nova, no que, a nivel musical, figuran as orquestras Os Satélites, Israel, Panorama e Trébol, ademais dos concertos de Mikel Erentxun e Blas Cantó e o Rockin’ Carballo, do que falou José Antonio Deus. O festival, que se celebrará o sábado 29, contará cun cartel de primeira con grupos locais, galegos e estatais, e con dous escenarios para que a música soe da mañá á noite.

A concelleira de Festas fixo un chamamento á participación tanto nas actuacións coma no Concurso de Cachelas e o Descenso do Anllóns, para os que xa está aberto o prazo de inscrición. Aludiu ás dificultades de organización pola coincidencia dos días grandes en luns e martes, e destacou que dende a comisión trátase de programar para todos os públicos (hai actividades para nenos/as, mozos/as e adultos/as) e de primar “a calidade sobre a cantidade”.

A nai de Cervo (á dereita) amosou o seu orgullo

A nai de Cervo (á dereita) amosou o seu orgullo

O alcalde pechou a presentación destacando que en Carballo “todo xira arredor do San Xoán, é o centro que nos move e que nos dá alento”. Evencio Ferrero valorou moi positivamente o cartel de Cervo e o recoñecemento ás mulleres “que lle dedican moitas horas ao San Xoán para que sexa un lugar de encontro e de celebración”, e ademais anunciou que, coincidindo coa Semana Grande, vaise poñer en marcha unha campaña contra a violencia sexual, “unha campaña 0’0 agresións, porque hai que seguir concienciando á sociedade de que a diversión ten que ser sempre compañeira do respecto”.

A muller será tamén protagonista no pregón, porque este ano contaremos con Sonia Méndez, directora do Festival Carballo Interplay, “unha persoa que, non sendo de Carballo, si ten unha vinculación con Carballo e moitas veces actúa de embaixadora do noso concello”. Evencio Ferrero expresou ademais o seu agradecemento a patrocinadores e colaboradores, “e por suposto á comisión, que levades moitos meses traballando para que outros o poidamos desfrutar”.

Descargas

Compartir: