Inicio Áreas Deporte Novas Carballo acolle mañá...

Carballo acolle mañá sábado a fase final da Copa Coruña de baloncesto na categoría cadete feminina

O Clínica Dental Noa García Xiria-Artai, que xogará en semifinais contra o Montrove, despide unha gran tempada, na que foi primeiro na liga regular

Venres 31 de maio do 2019

Carballo acolle este sábado 1 de xuño a fase final da Copa Coruña de baloncesto na categoría cadete feminina. A organización corresponde á Escola Basket Xiria despois de que o Clínica Dental Noa García Xiria-Artai, adestrado por Héctor Añón, rematase invicto a liguiña previa.

O propio Héctor Añón foi o encargado de explicar hoxe o desenvolvemento do evento, que se celebrará no pavillón Vila de Noia. Ás 10.30 xogarase a primeira semifinal entre Basquet Coruña Leyma e Santo Domingo de Betanzos, e ás 12.30 saltará á cancha o equipo carballés para enfrontarse ao Montrove. A final será ás 19.15 horas.

Os catro equipos que terán presenza nesta final son o primeiro e o segundo clasificados en cada un dos grupos da liga previa. Tanto o Basquet Coruña coma o Xiria-Artai foron primeiros nos seus grupos sen perder ningún partido. O equipo carballés culmina unha gran temporada, na que foi primeiro da súa liga regular e xogou a fase de ascenso.

O presidente da Escola Basket Xiria, Marcos Díaz Molk, que tamén participou na presentación, destacou o obxectivo do club de impulsar o baloncesto feminino e cualificou a celebración da Copa Coruña en Carballo coma un premio para as xogadoras cadetes pola súa excelente temporada. Ademais expresou o seu agradecemento ás empresas patrocinadoras e ao Concello de Carballo, que estivo representado polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.

O alcalde destacou a importancia do impulso que está a recibir o deporte feminino en Carballo. “Pasamos dun deserto a un oasis no que non hai dátiles, pero si landras. Isto reflíctese no aumento das licenzas femininas. O baloncesto foi un dos primeiros co seu equipo sénior, e ver que o equipo cadete xa se clasifica é un bo indicador do traballo que se está a facer”, apuntou.

Compartir: