Inicio Áreas Cultura Novas A muxiá Teresa Búa Sambad...

A ENTREGA DE PREMIOS SERÁ O 30 DE ABRIL

A muxiá Teresa Búa Sambad gaña por segunda vez o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

O xurado decidiu galardoar tamén as obras presentadas por Basilio José Bello Vilariño (2º premio), César López Seoane (Premio Especial Carballo) e Juan Rodríguez Pazos (accésit)

Venres 26 de abril do 2019

Teresa Búa

Teresa Búa

A polifacética Teresa Búa Sambad (Muxía, 1991) gaña por segunda vez o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. A súa obra Xestamos vidas e mátannos acadou o primeiro premio, dotado con 1.500 euros e diploma, nesta 21ª edición, pero xa no ano 2011 acadara a máxima valoración do xurado.

Teresa Búa estudiou Belas Artes na Universidade de Vigo, a Kingston University e a Universidade Politécnica de Valencia. En Vigo realizou tamén o máster de creación e investigación de arte contemporánea e deseño téxtil, outro dos ámbitos nos que dá vía libre á súa creatividade e polo que ten acadado no ano 2016 o Premio Colección Sargadelos Téxtil.

O segundo premio, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz e dotado con 750 euros e diploma, é para un carballés, Basilio José Bello Vilariño, pola fotografía Miradas. O Premio Especial Carballo, dotado con 500 euros e diploma, corresponde á imaxe Sueño de invierno, do coruñés César López Seoane. E tamén queda en Galicia o accésit de 300 euros e diploma patrocinado por Interfilm Carballo, xa que o xurado decidiu concederllo ao estradense Juan Rodríguez Pazos, que o ano pasado gañou o Premio Especial Carballo, pola obra Color atlántico.

O xurado estivo integrado por Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura, coma presidente; Laura Torrado Varela, ilustradora e técnico superior en Artes Plásticas e Deseño en Ilustración, ademais de representante da Asociación Cultural Recreativo Deportiva Bergantiños, que exerceu coma vicepresidenta; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor de Fotografía da Escola de Imaxe e Son da Coruña, o mesmo que Ignacio Romero Sánchez; Víctor García-Echave Puente, xefe de fotografía do diario La Opinión; Alberto Varela Ferreiro, deseñador gráfico na CRTVG e ilustrador, licenciado en Belas Artes, e Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, que actuou coma secretaria do xurado.

A entrega dos premios terá lugar o martes 30 de abril, ás 19.30 horas, no 3º andar do Pazo da Cultura. No mesmo acto será inaugurada a exposición das obras seleccionadas nesta 21ª edición do certame, que poderán verse ata o 26 de maio.

Compartir: