Inicio Áreas Cultura Novas Despois da multitudinaria e...

Despois da multitudinaria e revolucionaria Semana do Libro e a Lectura, maio traerá a “BiblioRevolución” a Carballo

Esta primavera únete á revolta das letras galegas na Biblioteca Rego da Balsa

Xoves 25 de abril do 2019

A ratiña Carolina e o ratiño Pillo, este mércores na Biblioteca Rego da Balsa

A ratiña Carolina e o ratiño Pillo, este mércores na Biblioteca Rego da Balsa

A primavera revoluciona Carballo cunha dose extra de cultura. Despois da multitudinaria e revolucionaria Semana do Libro e a Lectura, na que participaron case 2.000 persoas e houbo que colgar o cartel de “non hai convites” en todas as actividades, a Biblioteca Rego da Balsa quere que te sumes á BiblioRevolución, unha auténtica revolta das letras galegas arredor da figura de Antón Fraguas e das diferentes propostas lúdico-culturais que encherán o mes de maio.

Onte despedimos ata a próxima aos Ratiños de Lonxedetodo, que nos achegaron “Unhas botas misteriosas”, pero xa temos novas propostas dirixidas a nenos e nenas a partir de 3 anos e tamén para o público adolescente e adulto.

Arrincaremos o sábado 11 co Curruncho Pop, un ciclo de concertos para todos os públicos, que desta volta inclúe a presentación da obra de Jaime Gonzalo Can. El milagro alemán (19.30 horas) e o concerto de Pantis (20.30 horas).

Antón Fraguas será o protagonista das dúas seguintes propostas, que completaremos coa programación específica do Día das Letras Galegas. O mércores 15, os nenos e nenas de 3 a 12 anos gozarán coas historias de Antón Fraguas no Bosque da Moura, e o xoves 16 poderemos coñecer máis en profundidade ao autor homenaxeado este 17 de maio cunha actividade para toda a familia arredor da súa figura.

A música volverá o mércores 22 con Luis Vallecillo e un espectáculo para nenos e nenas a partir de tres anos, e o xoves 30 Xabier Maceiras presentará a Antoloxía das confidencias de Picadillo.

A programación estenderase aos primeiros días de xuño cun obradoiro para rapaces e rapazas a partir de 12 anos que impartirá a ilustradora Laura Tova os días 4, 11, 18 e 25, e o espectáculo Xan Perillán e a maleta máxica, de Os monicreques de Kukas, o día 5 para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Todas as actividades son gratuítas, aínda que para os espectáculos infantís é preciso recoller convite previamente.

Ludoteca

Paralelamente, ao longo destes dous meses tamén se desenvolverán actividades para bebés de cero a tres anos na Ludoteca Municipal. Esta semana celebrouse a primeira sesión dun obradoiro de estimulación da linguaxe que terá continuidade o día 29. O luns 20 de maio Ana Ferradás daralles a coñecer o ioga a través de contos e o 21 recibirán a visita de Xarope Tulú co espectáculo Bichocas. Babaluva Teatro convidaraos a xogar na alfombra máxica o 4 de xuño, e A trastenda dos contos traeralles o 11 de xuño a historia Levántate Xan!

Neste caso as actividades tamén son gratuítas, previa inscrición.

Descargas

Compartir: