Inicio Áreas Cultura Novas O Carballo Interplay quenta motores...

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA

O Carballo Interplay quenta motores para a súa edición máis ambiciosa

O festival de contidos dixitais congregará a próxima semana na capital de Bergantiños unha completa panorámica da innovación na rede a nivel galego, estatal e internacional

Luns 25 de marzo do 2019

O Concello de Carballo acolleu esta mañá a presentación da sexta edición do festival de contidos dixitais máis importante do Estado, o Carballo Interplay, que a próxima semana ofrecerá na vila toda unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional. Unha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e un programa de actividades con encontros, obradoiros, relatorios e espectáculos nos que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet compoñen esta nova entrega do Interplay, cita de referencia para o sector dixital global. Como vén sendo habitual, todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo, menos a formación e a programación profesional, para as que hai que inscribirse previamente.

O concelleiro de Promoción Económica da vila, Xosé Regueira, asegurou na rolda de prensa de lanzamento do festival que grazas ao Interplay o nome de Carballo é coñecido e recoñecido en moitos ámbitos e en moitas latitudes. E o alcalde da localidade, Evencio Ferreiro, abundou na capacidade do evento para conquistar ao público "de Carballo, de Galiza e de máis alá".

A directora do Interplay, Sonia Méndez, pola súa banda, explicou que na Sección Oficial do festival o público poderá ver unha selección de 34 webseries de todo o mundo e, dentro do programa de actividades, salientou a presenza -por primeira vez en Galicia- das cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López, "figuras de referencia tanto no sector dos contidos dixitais como no feminismo" que congregan a millóns de seguidoras e seguidores nas redes sociais e que ofrecerán seu show de humor con trazas de musical fallido, Hermostra, o venres 5 de abril no Pazo da Cultura de Carballo. Arxentina é, de feito, o país convidado desta ambiciosa edición do festival e as persoas que asistan á xornada profesional que terá lugar o xoves 4 de abril poderán coñecer a representantes de cadeas e plataformas do país e mais ao director do do Buenos Aires Webfest, festival de referencia no mundo das webseries. Participarán tamén, no Día PRO, responsables das principais plataformas de contidos dixitais do Estado.

Pola súa banda, María Yáñez, responsable de actividades do Interplay, recordou que o festival pon o foco, unha vez máis, nas mulleres creadoras e xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital -Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman- para falar de como a sororidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de todas as idades e de todo o mundo. Manuel Bartual e El Hematocrítico, a familia Prieto Flores ou David Sainz e Teresa Segura son algúns dos nomes propios que completan o programa desta edición.

Unha selección da creatividade galega na rede

Yañez explicou, tamén, que na súa sexta edición, o Interplay continúa a ser un dos principais impulsores da creación de series web en Galicia a través de dúas das súas iniciativas: o Campamento Kamikaze que se desenvolverá dende comezos de semana en Razo e o Premio a proxectos de webserie en galego, cuxos finalistas se deron a coñecer hoxe mesmo. A comedia Válgame Deus! dirixida por Rubén Rodríguez e protagonizada por David Perdomo; a serie futurista Amnesia das novísimas Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin; a resposta ás fake news que propón A mafia da verdade, de Cristina Moreira; e a historia do peculiar millenial Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo, competirán no pitching público que terá lugar o xoves 4 no auditorio da Casa da Cultura de Carballo, perante o xurado formado por Sandra Lesta, Nati Juncal, Enrique Lojo e Xosé Regueira.

Ademais de coñecer o Código Fonte Audiovisual das Aldaolado e de gozar coa gala de clausura que conducirá o actor galego Alberto Rolán, o Interplay presta especial atención este ano á explosión de creatividade que está vivindo a rede galega, con YoutubersInstagramers e moitas rapazas e rapaces novos exhibindo o seu talento nas redes. Polo Interplay pasarán Marcos López, creador dunha das canles máis populares do Youtube en galego, Telejaita; Miguel Silva Conde, gañador do premio Youtubeir@s 2018 con Aquel-e; Laura Cruxeiras, que triunfa nas redes facendo cancións, humor e reivindicación feminista co dúo Branca e Tinta; o artista coruñés Edu Fernández, a medio camiño entre a videocreación, a parodia e a seriedade de calquera youtuber profesional que se fixo viral en 2015 con "Chica de la Coru"; a crítica millennial, feminista e queer Olaxonmario; a xornalista da TVG Alba Mancebo; e mais a actriz e presentadora María Mera, moi activa nas redes sociais, nas que se converteu nunha verdadeira influencer da maternidade. Tamén compartirán as súas experiencias na rede as actrices Lucía Regueiro, María Vázquez e Iria Sobrado, entre outros.

Ligazóns

Compartir: