Inicio Áreas Deporte Novas A carreira "De dous en dous"...

SÁBADO 30 DE MARZO

A carreira "De dous en dous" reforza o seu carácter inclusivo e solidario e inclúe actividades para a rapazada

A inscrición pechouse cun total de 342 parellas anotadas nas diferentes categorías

Martes 19 de marzo do 2019

Carlos López, Evencio Ferrero, Asun Vázquez e Marcos Trigo

Carlos López, Evencio Ferrero, Asun Vázquez e Marcos Trigo

O Club Atletismo Carballo -en colaboración co Concello de Carballo, Carballo Deporte, Policía Local, Protección Civil, Club Ciclista Carballo e a AD Media Ducia- organiza a V Carreira Popular por parellas ‘De dous en dous’, que se celebrará este sábado 30 de marzo. A proba, nocturna e do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, ten un carácter inclusivo -poden participar deportistas con diversidade funcional- e solidario, a favor de Cruz Vermella, Cáritas e a ONG Miradas al mundo.

Nesta edición, Atletismo Carballo programou ademais dúas actividades paralelas: a animación do grupo de percusión SomDoLilá e os obradoiros de pintura e globoflexia cos que entreterá á cativada a empresa de actividades deportivas e de ocio carballesa Playmakers.

Un total de 342 parellas formalizaron a inscrición nas diferentes categorías en competición: pitufo, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e adultos. A participación é gratuíta, coa opción, non obrigatoria e solidaria, de entregar, ao recoller o dorsal, un litro ou quilo de comida non perecedoira ou produtos de hixiene infantil, que se destinarán a Cruz Vermella e Cáritas; Miradas al mundo aceptará lapis, afialapis e gomas de borrar para que poidan aprender a ler e escribir os nenos de Guinea, un dos países cos que colabora na actualidade esa ONG.

Con saída na Gran Vía,  á altura da rúa Álvarez de Sotomayor, estes son circuítos polos que pasará a carreira, segundo cada categoría:

  1. Categoría pitufo: Gran Vía, desde rúa Pintor Urbano Lugrís ata a meta.
  2. Categoría Sub 10: Gran Vía, xiro á esquerda por Rosalía de Castro, xiro á esquerda por Valle Inclán, rúa Colón, xiro á esquerda por Desiderio Varela ata chegar ao punto de inicio e pase por meta en Gran Vía.
  3. Categorías sub 12, sub 14, sub 16 e adultos: Gran Vía, xiro á esquerda por Dr. Fleming, xiro á esquerda por Valle Inclán, continúan por rúa Colón, xiro á esquerda por Desiderio Varela ata chegar ao punto de inicio e pase por meta en Gran Vía.

Presentación

A presentación da carreira tivo lugar na Casa do Concello coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e a presidenta e o secretario do Club Atletismo Carballo, Asun Vázquez e Carlos López.

Vázquez debullou polo miúdo todos os detalles da carreira e aproveitou para felicitar aos atletas do club polo gran comezo de temporada que están a ter. “Levamos xa varios podios galegos este ano, o que é un orgullo para nós. Quero destacar, sobre todo, a labor do noso deportista máis veterano, Antonio Remuiñán, quen, con sesenta anos ben cumpridos, acabou segundo en varias probas; mesmo vén de proclamarse onte nas Pontes subcampión galego dos 5 quilómetros en ruta”.

Marcos Trigo salientou o especial carácter da carreira: “Naceu como unha iniciativa diferente, cun horario diferente ao das probas que normalmente se disputan nas vilas galegas, e xa nas anteriores edicións quedou clara a boa acollida que ten entre os atletas da zona”. O concelleiro felicitou á club entidade seu traballo coa base: “O Atletismo Carballo ten unha escola que vai medrando ano a ano e que, seguro, co tempo acabará sendo nun referente en Galicia polo bo facer de xente como Asun, como Carlos e como toda a xente do club”.

Evencio Ferrero fixo extensivos os parabéns do Concello ao club: “No pouco tempo pasado desde a súa fundación [cinco anos], o Atletismo Carballo leva traballando con intensidade e conseguindo que cada vez máis persoas practiquen atletismo na vila. Iso é sempre bo e sempre merece o apoio das institucións públicas. Estamos para iso e tamén queremos desexar que este evento sexa un éxito, non só no deportivo senón no que ten que ver co seu carácter solidario: Carballo é un concello solidario e esperemos que se demostre, unha vez máis, coa alta participación que sempre rexistrou ‘De dous en dous’”.

Ligazóns

Descargas



Galería

Compartir: