Inicio Áreas Cultura Novas Arxentina será o país...

INSCRÍBETE NA XORNADA PROFESIONAL DO 4 DE ABRIL EN CARBALLOINTERPLAY.COM

Arxentina será o país convidado no VI Carballo Interplay

Representantes de cadeas e plataformas do país e mais do Buenos Aires Webfest compartirán protagonismo con directivos de Mediapro, Flooxer (Atresmedia) ou Playz (RTVE Digital), entre outros

Martes 5 de marzo do 2019

Arxentina é punta de lanza na industria dos contidos dixitais en Latinoamérica, especialmente no que respecta á ficción e ás series feitas para internet. Por iso, será o primeiro país convidado que visita o Carballo Interplay e, grazas á colaboración entre o festival de contidos dixitais e o Cluster Audiovisual de Galicia, as persoas que asistan á xornada profesional que terá lugar o xoves 4 de abril poderán coñecer a representantes de cadeas e plataformas do país e mais ao director do do Buenos Aires Webfest, festival de referencia no mundo das webseries.

O Carballo Interplay repite Día Pro, despois do éxito acadado na pasada edición, co obxectivo de conectar a creadores e creadoras coas principais plataformas e produtoras que están apostando polos contidos dixitais de creación propia. A xornada dividirase en dúas partes: pola mañá representantes das principais asociacións do sector en Galicia -como a AAAG, AGAG, CREA ou AGAPI- moderarán as mesas sectoriais Na procura do talento dixital, que queren dar a coñecer as novas formas de creación, produción e xestión do talento audiovisual na rede, desde a diversidade de perspectivas que achega cada sector. Tamén se producirá un encontro co país convidado, Arxentina, e como colofón terá lugar unha Jam-session de talento dixital. Unha sesión de mentoring aberta e informal na que os asistentes poderán preguntarlles aos expertos asistentes as claves para desenvolver o seu proxecto dixital. Destinado a produtores, creadores e talentos dixitais que teñan un proxecto ou unha idea para desenvolver e estean dispostos a contalo en público para recibir consello por parte doutros profesionais da industria.

As persoas interesadas en participar nesta segunda xornada profesional do Caraballo Interplay poden acreditarse, de xeito gratuíto, antes do 29 de marzo na web do festival.

PROGRAMA COMPLETO DO DÍA PRO | Xoves, 4 de abril de 2019

9h30h. Recollida de acreditacións no salón de actos do Pazo da Cultura. 

10h-11:15h. Diante da cámara e nas redes sociais: intérpretes ou influencers? 
En colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).  
A proxección nas redes de actores, actrices e comunicadores en xeral é cada vez máis importante na industria, pois conforma unha nova maneira de chegar ao público. Pero como de relevante debe ser o número de seguidores á hora de elixir un reparto? Saben actores e actrices xestionar a súa marca na rede? É ter perfil potente na rede unha porta para chegar a traballar na industria audiovisual? Destas cuestións falaremos con actrices que traballan (ou non) a súa imaxe na rede, cunha representante de actores e produtoras e tamén cun profesional da comunicación dixital que traballa con influencers e con marcas. 
Participan Lucía Regueiro (actriz e presentadora), Amalia Mato (representante e produtora), Román Camba (Ingenio Interactiva) e María Vázquez (actriz). Modera Iria Sobrado, actriz, en representación da AAAG. 

11:15h-12:30. Como se contan as historias no mundo dixital? 
En colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e coa Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA). 
Como está a cambiar a narrativa audiovisual a aparición das novas plataformas? Cales son os novos xéneros, formatos e linguaxes do mundo dixital? Estanse adaptar os profesionais ás novas linguaxes? 
Participan Enrique Lojo (guionista), Christian Flores (creador audiovisual), Mercedes Marcos (responsable de desenvolvemento de Asubío Media) e Beatriz Legerén (profesora de deseño e guión de videoxogos na Uvigo). Modera Marta Piñeiro, realizadora, en representación de CREA. 

12:45h - 14:00h. Encontro co país convidado: Arxentina 
En colaboración co Cluster Audiovisual de Galicia
Arxentina, primeiro país convidado que visita o Carballo Interplay, é punta de lanza na industria dos contidos dixitais en LATAM, especialmente no que respecta á ficción e ás series feitas para internet. Contaremos con representantes de cadeas, plataformas e do Buenos Aires Webfest, festival de referencia no mundo das webseries. 
Participan Martín Lapissonde (Macaco Films e director BAWEBFEST), Rocío Carbajo (coordinadora de contidos de UN3Tv) e Agustina Lumi (Coordinadora de contidos CINE.AR- plataforma FVOD del INCAA de Argentina).

16:30-17:30. Como cambiou internet a maneira de producir?
En colaboración con AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independientes)
Novas plataformas, series dixitais, producións globais, novos formatos, branded content… a produción audiovisual expándese por todo tipo de pantallas e ten un mercado global ao seu alcance. Que supón isto para as produtoras? Calen son as esixencias de produción da industria audiovisual en internet? Que novos factores hai que ter en conta á hora de afrontar un proxecto? 
Participan Agustín Alonso (Playz - RTVE), Emilio Sánchez (Flooxer), Maya Maidagan (Mediapro Labs – Grupo Mediapro) e Alfonso Blanco (Portocabo). Modera José Antonio Velo, de Astrágalo Studio, en representación de AGAPI. 

Compartir: