Inicio Áreas Deporte Novas O Concello de Carballo acondiciona os...

O INVESTIMENTO NESTAS TRES ACTUACIÓNS SUPERA OS 100.000 EUROS

O Concello de Carballo acondiciona os pavillóns deportivos do CEIP Gándara-Sofán e o IES Parga Pondal para optimizar o seu uso

No IES Monte Neme vén de rematar a instalación de novas canastras de baloncesto ancoradas ao teito

Luns 4 de marzo do 2019

Pavillón do CEIP Gándara-Sofán

Pavillón do CEIP Gándara-Sofán

O Concello de Carballo promove a actividade física e deportiva federada desde a base, e nestes momentos contamos con máis de 2.000 licenzas deportivas entre todas as entidades que desenvolven a súa actividade no noso concello. Para facilitar o desenvolvemento de tan intensa práctica deportiva, ademais de sacar o máximo partido dos pavillóns municipais, nos últimos anos vimos asinando convenios de colaboración cos centros educativos para mellorar as súas instalacións e favorecer deste xeito o seu aproveitamento fóra do horario lectivo por parte das entidades deportivas, optimizando así o seu uso.

Nesta liña están en marcha no CEIP Gándara-Sofán as obras de construción de aseos, un almacén e mellora do pavimento da pista deportiva, incluídas nos orzamentos do ano 2018 cunha partida de 42.000 euros. Para solucionar a falta de aseos e de espazo de almacenamento construirase unha edificación acaroada ao pavillón con acceso tanto dende o interior coma dende o exterior. Ademais, dado o deterioro que experimentou a pista de xogo durante os anos previos á construción da cuberta e o peche, o proxecto actual inclúe a súa mellora, así coma a sinalización e a instalación dos elementos necesarios para a práctica dos deportes axeitados á súa dimensión.

Novas canastras no IES Monte Neme

Novas canastras no IES Monte Neme

Neste momento tamén está en licitación o contrato de subministro e colocación de pavimento e subministro de canastras de baloncesto elevables ao teito no IES Parga Pondal, cun orzamento total lixeiramente superior aos 54.000 euros que tamén figuraba no anexo de investimentos do orzamento do ano 2018.

Con esta actuación, ademais de mellorar o equipamento da instalación, instalarase un novo pavimento deportivo que garanta a seguridade e o confort do deportista e que, ao mesmo tempo, minimice a posibilidade de eventuais accidentes derivados da práctica de actividade deportiva sobre superficies non adaptadas á normativa vixente.

Pavimentos con estas características téñense instalado xa nos últimos anos en centros coma o CEIP Fogar ou o IES Monte Neme. Neste último tamén vimos de rematar a instalación dun xogo de canastras ancoradas ao teito que se poden regular para competicións e minibasket, como a que vén de celebrarse esta fin de semana, e no que investimos 12.644,10 euros. Entre esta última actuación e as que temos en marcha nestes momentos no IES Parga Pondal e o CEIP Gándara-Sofán superamos os 100.000 euros de investimento.

Compartir: