Inicio Áreas Deporte Novas Carballo reforza o seu liderado na...

SÁBADO 2 DE MARZO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Carballo reforza o seu liderado na promoción do baloncesto desde idades temperás coa celebración do Babybasket

240 nenos e nenas de 24 equipos participan nunha xornada deportiva e familiar

Venres 1 de marzo do 2019

O Pavillón Carballo Calero acolle este sábado, organizadas polo Club Baloncesto Artai en colaboración coa Escola Basket Xiria e o Concello de Carballo, dúas novas xornadas da Liga de Babybasket, unha iniciativa da Federación Galega de Baloncesto para promover ese deporte entre os máis pequenos. Na cita participarán 24 clubs e 240 nenas e nenos (nacidos entre os anos 2011 e 2014), que disputarán 22 partidos, nun evento que comezará ás 10.30 horas e cuxos obxectivos, máis que o carácter competitivo, son a formación e a educación en valores. De feito, nos encontros, cun formato de catro contra catro, non haberá árbitros nin marcador final. É a terceira vez que o Babybasket se celebra en Galicia, logo de visitar Ponteceso e Sada.

Na presentación do torneo participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; Macarena Mato, directora do CPR Artai; Joaquín Moreira, presidente do CB Artai, e Arturo Ferraces, director deportivo da EB Xiria.

“Falamos dun volume de máis de 200 rapaces”, dixo Moreira, “o que explica a dificultade organizativa do evento. Afortunadamente, o pavillón Bergantiños reúne todos os requisitos, pero tanto o Concello como a EB Xiria, que aporta todo o material que ten na instalación, facilítannos enormemente o traballo”. “Esperemos”, engadiu, “que sexa unha xornada lúdica, de promoción do baloncesto, e familiar, porque seguro que moitas familias aproveitarán para pasar en Carballo o sábado de Entroido”.

Ferraces avanzou que a EB Xiria xa ten solicitada a organización doutra dobre xornada do Babybasket en Carballo: “Xuntarémola co Pequebasket, precisamente o torneo no que xurdiu o Babybasket, unha idea do daquela presidente do Básket Xiria, Diego Vázquez. Con estas iniciativas, que cada ano xuntan a máis participantes, o baloncesto carballés desta idades é claro referente na provincia”.

Macarena Mato destacou a importancia do evento “para que os nenos aprendan xogando xuntos valores aparte dos que xa aprenden na casa e na escola”. “No Artai estamos encantados de colaborar con estas iniciativas que facilitan a práctica do deporte e apartan aos rapaces e rapazas, por unhas horas, das tablets e os móbiles, que están tan de moda”.

Marcos Trigo salientou o elevado número de equipos e deportistas que practican o baloncesto no concello. “O baloncesto é o segundo deporte en Carballo, por detrás do fútbol, con máis de licencias [supera as 320, entre as de Xiria e de Artai]. E ten, ademais, unha compoñente diferenciadora: que non hai tanta diferencia entre o total de fichas masculinas e femininas, está o cousa moito máis equilibrada neste aspecto”.

“A través de moi felices ideas, como o Pequebasket”, dixo Evencio Ferrero, “van xurdindo novas experiencias de actividades e de programas formativos e de ocio, como este Babybasket, para que os rapaces e rapazas vaian familiarizándose co deporte que queren practicar”. O alcalde recoñeceu o gran traballo que realizan durante todo o ano Xiria e do Artai, “un referente no baloncesto galego: está interiorizado e todo o mundo asume que son entidades exemplares”. “O elevado número de licencias que suman entre os dous clubs é un bo indicador da incidencia social que ten o baloncesto en Carballo. Non me estraña que a Federación Galega confíe en Artai, confíe en Xiria e confíe en Carballo para organizar este tipo de eventos”.

Descargas

Compartir: