Inicio Áreas Cultura Novas O prestixioso trompetista Manuel Blanco...

A CITA, O 1 DE MARZO ÁS 19.00 HORAS

O prestixioso trompetista Manuel Blanco ofrecerá unha masterclass e un concerto en Carballo

O trompeta principal da Orquestra Nacional de España compartirá escenario co violinista Eduardo Coma, profesor do CMUS, que estreará catro pezas

Domingo 24 de febreiro do 2019

O 1 de marzo teremos a oportunidade de escoitar en Carballo a un dos mellores trompetistas do mundo. Manuel Blanco, trompeta principal da Orquestra Nacional de España, profesor da prestixiosa Escola Superior de Música Raíña Sofía e da Universidade Alfonso X o Sabio e gañador do cobizado premio ARD Music Competition de Munich 2011, impartirá unha masterclass a alumnado do Conservatorio Profesional de Música e ofrecerá un concerto no Pazo da Cultura no que estará acompañado polo violinista Eduardo Coma, profesor do CMUS de Carballo.

Sen dúbida, será unha ocasión única e, probablemente, irrepetible. Ademais de poder ver e escoitar a Manuel Blanco, que pasa por ser un dos mellores trompetistas do mundo, asistiremos á estrea de catro pezas de Eduardo Coma para violín e trompeta: Delirium, La travesura, Perpetuo e San Ramón 243. O concerto, que comezará ás 19.00 horas, será aberto a todo o público ata completar o aforo do Auditorio.

Manuel Blanco

Nacido en 1985 en Daimiel (Cidade Real), Manuel Blanco comezou moi cedo os seus estudos de trompeta con Martín Baeza Rubio e José María Ortí Soriano. Na actualidade tamén recibe asesoramento musical do concertista internacional Reinhold Friedrich, mostrando estes tres mestres un especial interese na súa preparación humana e profesional.

Ten gañado diversos concursos, como o Cidade de Xátiva, Calviá, Moixent, Jeju (Corea do Sur)… pero o seu gran logro internacional chegou tras gañar o 1º premio no prestixioso ARD Music Competition de Munich 2011, obtendo a cualificación máis alta da historia da competición. Este galardón só se concedeu a outros dous trompetistas nas súas 62 edicións, sendo Maurice André o primeiro en 1963. Blanco é considerado como o seu lexítimo herdeiro.

Desde o ano 2006 é trompeta principal da Orquestra Nacional de España. Traballou como trompeta solista en orquestras de primeira categoría como Concertgebouw de Amsterdam, Gewandhaus de Leipzig, Filarmónica de Radio France, Gustav Mahler Jugend Orchester, European Youth Orchestra, Berlin Staatsoper, Filarmónica Arturo Toscanini, Orquestra Mozart Bologna, Orchestra Teatro alla Scala Milán, Orquestra Santa Cecilia de Roma. xunto a directores da talla de Claudio Abbado, Mariss Jansons, Rafael Frübeck de Burgos, Lorin Maazel, Christoph Eschenbach, Zubin Mehta, Daniel Barenboim, Yuri Temirkanov, Semyon Bychkov, Riccardo Chailly, Gustavo Dudamel, Andris Nelsons, Josep Pons, Juanjo Mena, David Afkham, Pablo Heras-Casado, George Pehlivanian, Markus Bosch, Antonio Méndez, etc.

Como concertista, tocou coa Orquestra da Radio de Baviera, Orquestra da Radio de Munich, Orquestra de Cámara de Múnic, Budapest Chamber Orchestra, Jeju Philharmonic Orchestra, Camerata XXI, Philarmonisches Orchester Würzburg en Mozarfest, Capella Symphonic Orchestra (St. Petersburg), Hofer Symphoniker, Niederrheinische Sinfoniker, Norddeutsche Philharmonie Rostock, Orquestra Sinfónica de Minería, Orquestra Nacional de España, Orquestra Sinfónica de Navarra, Orquestra Sinfónica de RTVE, Orquestra Sinfónica de Bilbao, Orquestra Municipal de Valencia, entre outras.

No ano 2017 sae ao mercado o seu primeiro CD, Fearless, gravado para DECCA acompañado pola Orquestra Nacional de España baixo a batuta de Josep Pons. Recibido con gran expectación tanto pola crítica como polo público, este traballo discográfico é unha demostración do amplo repertorio que pode facer fronte Blanco, incluíndo obras de toda a historia da música, desde Haydn ata Tomasi.

Futuros proxectos inclúen compromisos como solista a nivel internacional, recitais e dúas estreas encargadas polo Centro Nacional de Difusión Musical, entre outros. A partir a tempada 2018/19 é profesor da prestixiosa Escola Superior de Música Raíña Sofía, ademais de ser profesor na Universidade Alfonso X o Sabio.

Eduardo Coma

Nacido en Camagüey o 17 de outubro de 1967. Aos 7 anos comeza os estudos de música na Escola Provincial de Arte da súa cidade natal, seguindo en grao medio co Profesor Pablo Vázquez Lara. Baixo a tutela deste profesor participou en diferentes concursos de música tanto provinciais como nacionais, obtendo varios premios importantes. Termina os seus estudos no Instituto Superior de Arte da Habana, onde recibe clases de importantes profesores como son Aral Baisikalov, Igor Frolov, Evelio Tieles, Emilio Estrada, Vise Borisova, Valeri Bibal.

Profesor de violín na Escola Vocacional de Arte de Guantánamo e de Camagüey e concertino da Orquestra Sinfónica de Camagüey ata o ano 1992, no que gaña unha praza de primeiro violín na Camerata Brinde de Salas da Habana. No 1994 viaxa a España coa Sinfónica Nacional de Cuba a unha xira de concertos por numerosas cidades. Traballa como profesor de violín da Academia de Música “Amatti” de Granada baixo a dirección de Yehudi Menuhin. Colabora con Orquesta Ciudad de Granada en varios concertos.

Dende o ano 1996 vive en Galicia, onde traballou en conservatorios e escolas de música. Desde o ano 1998 é violinista do grupo de música folk Luar na Lubre, co que gravou 6 discos para a multinacional Warner, co que obtivo 6 Premios Nacional da Música, gravou unha longametraxe titulada “Un bosque de música”, viaxou a máis de 25 países en xiras de concertos. Tocou en Salas como Lincoln Center de Nova York, Teatro Solís de Montevideo, Teatro Colón Buenos Aires, etc.

Violinista do Quinteto Cimarrón, co cal tocou nas principais salas de Galicia, Teatro García Barbón de Vigo, Teatro Jofre de Ferrol, etc. Actualmente é profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Gravou a finais do 2011 o DVD en directo “Unha Noite no teatro Real” co cantante David Bisbal en Madrid e en 2012 “Aires Tropicais”, con Paquito D´Rivera.

Compartir: