Inicio Áreas Cultura Novas "Aínda que non sexa 17 de...

160º ANIVERSARIO DE ALFREDO BRAÑAS

"Aínda que non sexa 17 de maio, hoxe é un Día das Letras Galegas"

O presidente da Real Academia Galega, autor destas palabras, convida á sociedade carballesa a poñer en valor a figura do autor de "El Regionalismo"

Sábado 12 de xaneiro do 2019

"Está contento, don Alfredo?" A pregunta retórica do profesor e historiador Xan Fraga á escultura do Fillo Ilustre de Carballo non precisaba resposta, pero, onde queira que estea, Alfredo Brañas seguro que contestou que si. Aínda que se lle levan dedicado moitas homenaxes, placas, un cruceiro, un instituto e unha rúa, como lembrou o alcalde, Evencio Ferrero, o acto deste venres 11 de xaneiro foi moi especial, porque conmemoramos o 160 aniversario do nacemento no noso concello do autor de "El Regionalismo". 

Á súa obra e á súa importancia tanto política coma literaria aludiron dun xeito reiterado os convidados á celebración, dende o propio Xan Fraga, cronista "oficioso" de Carballo, ata o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o ex presidente, historiador e gran estudoso da figura de Alfredo Brañas, José Ramón Barreiro Fernández. 

Os actos comezaron na Alcaldía cunha recepción oficial na que participaron, ademais do Padroado Alfredo Brañas en pleno, representantes dos grupos políticos da corporación municipal e os alcaldes de Malpica, Ponteceso e A Laracha. Freixanes asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo e foi agasallado por Evencio Ferrero co noso xa representativo carballo de Sargadelos. 

A continuación, a comitiva desprazouse ata a rúa Coruña. Xunto á estatua do escultor César Lombera e a casa natal de Alfredo Brañas celebrouse outro dos actos da xornada: unha ofrenda floral acompañada coa interpretación do Himno Galego por parte de antigos membros do grupo de gaitas do Centro Cultural Alfredo Brañas e un breve recitado a cargo dunha alumna e da directora do instituto que leva o seu nome. 

Dende alí, e tras unha rápida visita guiada por Xan Fraga ao exterior da casa, a música acompañou a autoridades, convidados e veciñanza que se sumou á celebración ata o Casino de Carballo, escenario da interesantísima conferencia "Alfredo Brañas, unha memoria viva". 

Como apuntou o presidente da Real Academia Galega, é importante poñer en valor a figura de Alfredo Brañas, e a xornada de onte foi unha demostración da importancia que a súa figura ten para o noso concello e para Galicia. Por iso, como tamén dixo Freixanes, "aínda que non sexa 17 de maio, hoxe é un Día das Letras Galegas".

Compartir: