Inicio Áreas Deporte Novas 400 deportistas poderán...

400 deportistas poderán participar este ano na Carballo Trail Race, que se celebrará o 3 de febreiro

O prazo de inscrición está aberto ata o 29 de xaneiro na oficina de Carballo Deporte ou en www.carreirasgalegas.com

Venres 11 de xaneiro do 2019

Na presentación participaron representantes do Concello e da A.D. Media Ducia

Na presentación participaron representantes do Concello e da A.D. Media Ducia

O Concello organiza para o día 3 de febreiro, desde as 9.30 horas, o Carballo Trail Race 2019, proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA), controlada polo seu Comité de Xuíces, que discorrerá por pistas e camiños non asfaltados na súa meirande parte. Colaboran na organización da proba a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a Agrupación Deportiva Media Ducia. As distancias da carreira -reservada ás categorías xuvenil, sénior e veteranos, tanto masculinas como femininas- son de 30 quilómetros para a trail longa e de 11 quilómetros para opción curta.

Admítense inscricións ata o 29 de xaneiro ou ata acadar as 400 prazas dispoñibles, cen máis que na primeira edición. Os interesados poden anotarse nas oficinas de Carballo Deporte na rúa Corcubión, no teléfono 981702109 ou na web http://www.carreirasgalegas.com, pagando unha cota de 6 euros (trail curta) ou 10 euros (trail longa). A mediodía de hoxe, venres, xa confirmaran a inscrición 80 corredores/as.

Por riba do carácter competitivo, o Carballo Trail Race é un carreira que busca a integración e o respecto polo medio ambiente, como salientou onte na presentación da proba José Tomás Vales, de Media Ducia. Acompañaron a Vales na rolda de prensa o alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o técnico municipal de deportes, Manuel Varela Bardanca; e Paula Garrido, tamén de Media Ducia. “Cada corredor levará o seu propio vaso, o percorrido non estará marcado con pintadas nin con puntas nas árbores nin con ningunha sinal invasora para a natureza, e calquera lixo que xere a carreira será recollido e limpado por 60 voluntarios de Media Ducia”, explicou Vales.

Percorridos

A distancia da trail longa será duns 30 quilómetros e 900 metros de desnivel, con saída na praia de Razo (9.30 horas), meta na rúa Vila de Corcubión e paso pola estrada ao porto de Razo, Senda Pinos do Mar, lugar de Santa Mariña, cruce da estrada Razo-Aviño, subida a Monte Neme, cumio de Monte Neme, Cances, Centro Social, monte de Liñeiro, Monte de Vilanova, Muíño Rego de Liñeiro, Vilanova, A Constenla, Muíño da Torre, Ponte das Gargas, A Devesa, A Cepeira, Muíño do Quinto, cruce da rúa Fomento, rúa Río Anllóns, rúa Río Miño, San Martiño, cruce da rúa Milagrosa, Paseo do Anllóns e rúa Vila de Negreira.

A distancia da trail curta e para a categoría xuvenil será de 11 quilómetros e 500 metros de desnivel, co mesmo percorrido que a trail longa pero ata a súa meta no Centro Social de Cances.

Os dorsais recolleranse na Piscina Vila de Noia o sábado 2 de febreiro, de 10.00 a 13.00 horas, e de 16.00 a 20.00; e o día da carreira desde as 7.30. A organización disporá autobuses (ás 8.30) para desprazar aos atletas que o desexen desde a piscina ata a saída, na praia de Razo; e desde a meta da trail curta ata o complexo deportivo carballés. Os puntos de avituallamento, sólido e líquido, estarán situados nos quilómetros 8 (Cumio Monte Neme; líquido), 11 (Local Social de Cances; líquido e sólido), 20 (Muiño da Torre; líquido e sólido) e 25 (A Cepeira; líquido).

Ligazóns

Compartir: